luns, 31 de agosto de 2026

De futbol e traumas

Quero ser coma Vero Boquete de Fran Fernández Davila está ilustrado por María Brenn e publicado en Sopa de Libros de Xerais. Esta obra acadou o IX Premio Agustín Fernández Paz de Literatura Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Sinopse: "O mundo de Lucía é silencio, regras e pantasmas:o seu pai converteu a casa nunha prisión, onde non se fala, non hai fotos de familia e, por algún motivo, o fútbol está prohibido. Pero ela non pode ignorar a fame polo xogo que lle formiga nas veas nin a lembranza dunha nai de quen só conserva unha fotografía secreta e chea de lama. Lucía terá que decidir se está disposta a arriscarse para conquistar o seu lugar dentro e fóra dun campo de fútbol."

A paixón polo fútbol, un trauma familiar que oculta a verdade, un misterio a resolver, unha familia que xira ao redor do fútbol (aínda cando se prohiba falar del e moito máis xogar), a convivencia entre iguais, o xogo como tempo de calidade, a amizade que loita polos demais, a debilidade e a súa aceptación, a enfermidade e a morte apresurada. De todo hai nesta novela que fala dunha afición enorme e dunha soidade que o envolve todo co silencio dos que están xuntos sen falar. 

Un título que chama a lectura dunha historia que vai máis alá do interese por ser como Vero Boquete.

Un autor multipremiado!

Ningún comentario:

Publicar un comentario