Amosando publicacións coa etiqueta Sopa de Libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sopa de Libros. Amosar todas as publicacións

martes, 11 de febreiro de 2025

O último libro de El Hematocrítico

Dona Problemas, salvadora da escola era o libro no que estaba a traballar El Hematocrítico cando nos deixou.Pertence á serie de Dona Problemas e está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros con ilustracións do gran Paco Roca.

Carlota, á que chaman Dona Problemas que anda iso, resolvendo os problemas de toda a rapazada do colexio. Sempre con algún axudante que lle bota unha man (unhas veces mellor e outras peor). Falando disto, hai que quitarse o sombreiro diante deste autor e o coñecemento que ten da rapazada, neste caso non podemos por menos que rir cando vemos que o pequeno axudante se distrae con calquera cousa e esquece as súas obrigas dunha maneira absolutamente natural. Tamén é de destacar ese sentido do humor que rodea as súas obras e esa crítica que ataca no mesmmo centro da diana a tanto certame do "Mellor profesor" a tanto/a profesor/a influencer ao que se lle vai a vida na foto e o sorriso. ATPR (a túa profe riquiña) é unha nova especie que pasa a formar parte dese retrato do profesorado que nos adianta Miguel López. Paco Roca interpreta a historia con esa mirada que envolve a crítica en humor pero sen perdoar o desfile militar no recreo, a modernidade da profe comercial a tope e a personalidade de cada un dos alumnso e alumnas que enchen as páxinas coa súa diferenzaaínda cando pretendan colocarlle uniforme.

Así se presenta: "Durante unha das súas misións, Carlota, Dona Problemas, ten un accidente cun mestre, e este ten que coller uns días de baixa. A substituta será, nada máis e nada menos, que A Túa Profe Riquiña, unha «influencer» especializada en educación que, ademais, expón toda a súa vida nas redes."

luns, 13 de xaneiro de 2025

Unha novela para ler e pensar: Escola de bruxas de María Canosa

Unha novela para ler e pensar: Escola de bruxas de María Canosa, con ilustracións de Maiky Odel, está publicado por Xerais na colección Sopa de libros.

Poderiamos pensar: unha máis de bruxas, pero vai máis alá. Dentro desa produción de libro infantil ao redor das bruxas, este ten mais que contar e, sobre todo, está ben contado e dá para pensar. Tanta moda de emocións e emoticóns e igual esquecemos ámbitos de tanto valor coma o esforzo, o empeño en superar dificultades, dende o propio eu con axuda da xente que  nos quere e non nos vai deixar soas. Digo ben contada e digo ben,porque se le coma se nola contasen, sen andar tropezando con parágrafos que nos molestan, sen perdernos (iso que tan de moda está, neste momento, por non darlles unha segunda ou terceira lectura ás novelas), situadas sempre no lugar e momento. As ilustracións tráennos ese aire moderno e de banda deseñada ou manga tan actual, non se pode dicir que as bruxiñas sexan do pasado. Nalgún momento incluso me lembraron esas que adoro de Cristian F. Caruncho en Zaínza a Punkiereteira. Teño que confesar que aínda que me gustan e moito as das rapazas, encántame a da páxina 69 na que representa á esbelta profesora, porque tamén lle teño que agradecer iso, que represente á rapazada de forma diferente á sexualizada adulta.

Da presentación editorial: "Mencía non encaixa na escola de bruxas, pero con amigos e esforzo pode que atope a súa propia maxia. Comeza o curso na escola para perfeccionar as súas técnicas de maxia e meigallos rodeada doutros nenos bruxos e nenas bruxas. Nunca antes vira tantos compañeiros xuntos. E nunca se sentira tan soa e diferente... Tanto, que pensou que o de ser bruxa non era o dela. Pero non hai nada que se resista ao seu esforzo e a unha boa amizade."

Xustamente, diso se trata, xa vai de mala gana e cando chega alí dáse conta de que non ten nada que ver con aquela xente: nin no físico (o seu pelo, a cor da súa pel, a roupa e as zapatillas que leva) nin tampouco no psicolóxico: non ten maior interese nesas artes e séntese rechazada por todos agás por unha rapaza que se fai amiga súa dende o primeiro momento, que a acepta tal como é, que a defende e a axuda en cada novo reto teña a dificultade que teña dende a escoba á variña. Porque a historia fainos pensar naquilo que lle di Nivaria "téntao, unha vez máis (e logo outra e outra máis ata chegar)". As dificultades iranse vencendo, se non é quen de contar ben e salta determinados números con iso pódese vivir, só hai que contar doutra maneira, se non fai maxia coa variña ou non pode voar coa escoba... todo é cousa de poñer ao seu servizo aquilo que se lle dá moi ben, que a libera de cando problema xorde: a música! 

A amizade fainas cambiar, a unha a á outra, Mencía pode levar unha capiña (ao seu xeito) e Niva vai calzar uns zocos e uns pantalóns que nun principio non estaban no seu roupeiro. Porque a amizade nos vai unindo e por iso, ás veces, as amigas mítanse coma se fosen irmás. Tamén nos fai pensar en algo que as persoas adultas sabemos pero que á rapazada lles custa entender, que poucas cousas son permanentes, que eses rapaces que hoxe se rin de ti poden cambiar e non facelo mañá (pero hai que poñerlle freno, iso si, e non aguantar ningún desprezo). A profesora está ben debuxada, moi ben tratada, sabe estar onde corresponde apoiando sempre a quen o pode precisar en cada momento. E, non temos que ser boas en todo, sempre hai algo que se nos resiste e no que temos que insistir pero hai outros ámbitos nos que case temos maxia, como lle sucede a Mencía coa música.

Bruxas e lugares con nomes ben especiais que adiviñamos a que responden. Imos entrar nesta escola!

venres, 21 de xuño de 2024

Novidades en Xerais: "O tren fantasma" e "Varetai. Protectora de espíritos".

O tren fantasma de María Oruña con ilustracións de Ana Zurita na colección Sopa de Libros de Anaya, para primeiras lecturas.

Na presentación editorial aparece a sinopse: "A Alan no lle gusta ir para a cama. Para axudalo a durmir, o seu pai decide lerlle un conto moi especial: «O tren fantasma». Cando Alan queda durmido con el entre as mans... esperta dentro do tren da historia! E as pantasmas serán o último dos seus problemas: montañas máxicas, tormentas terribles, amazonas con espadas... Vaia aventura agarda por el!"

A autora, coñecida, en galego, polo libro O bosque dos catro ventos ambientado en San Estevo de Ribas de Sil escribe por primeira vez un libro infantil. No conto entras no tren, no tren van os viaxeiros e o maquinista que dorme; o tren entra nun túnel no que pasan cousas, neste caso encontran un castelo na Idade Media e o peor é que cando ven o tren pensan que é un animal que comeu persoas ás que queren salvar... 


Varetai. Protectora de espíritos de Alba de Evan con ilustracións de Mara Méndez na colección Sopa de Libros de Anaya, para lectorado autónomo.  

Na presentación editorial aparece a sinopse: "Lía é unha rapaza especial, dende cativa é capaz de ver os Vareti, espíritos elementais que protexen o mundo. Cando as cousas comezan a se torcer na vila, decátase de que algo non vai ben. Quen está provocando desastres? Quen son eses seres que apareceron de súpeto? Xunto con Brisa, a súa inseparable amiga, tentará solucionar a desfeita antes de que cobre dimensións épicas." 

Vareti é unha nena valente que se enfrontará aos seres malignos, a eses que en lugar de protexer o mundo queren acabar co el. A pelexa entre o ben e o mal, esa capacidade de determinados nenos para entenderse con determinados seres están presentes nas historias.

martes, 14 de marzo de 2023

Libros que acadan premio en castelán

Alma de elefante foi premio Anaya. Unha novela de Andrea Maceiras, ilustrada por Jordi Solano e publicada por Sopa de Libros en Xerais.

Da presentación editorial: "Suy e Lawen son dous irmáns xemelgos que viven na aldea de Sat Naapa, un remoto lugar do sureste asiático. As súas tranquilas vidas cambian o día no que a velliña Champey le as súas almas e lle di a Suy que el ten alma de bolboreta, mentres que a súa irmá Lawen posúe o espírito do elefante. A Suy parécelle imposible porque el é máis forte e sempre coidou da súa xemelga. Lawen é distinta das outras nenas: cústalle expresar os seus sentimentos e ponse nerviosa coas situacións descoñecidas. Así que Suy conta unha pequena mentira. Di que el é o elefante. O que non pode sospeitar Suy é que axiña se van cruzar con Tep, un elefante real que necesita desesperadamente a súa axuda e por quen emprenderán unha incrible aventura. E é que ás veces as cousas non son o que parecen.Ás veces os tesouros teñen catro patas. E só as bolboretas voan o suficientemente alto para atopalos."

Eu, recollería un fragmento "O feito de que Sat Naapa sexa un lugar tan bonito tamén ten as súas desvantaxes. Ás veces tallan zonas de bosque moi extensas. Outras, traen planos para levantar edificios e fábrias nos arredores, malia que aínda non construíron ningún. No pasado foi peor. Papá di que, hai anos, a xente de Sat Naapa vivía con moito medo de que viñesen para destruír todoou levar persoas. Por iso, durante a guerra, algunhas familias soterraron as súas posesións máis valiosas na selva. E sábese que non as recuperaron todas." Han quedar tesouros agachados que poden amañar a vida dunha familia." A responsabilidade dese neno que quere ser elefante e non bolboreta para coidar da súa irmá (esa que ten un corazón e unha cabeza que lle funcionan de forma diferente), as aventuras que corren os dous para salvar a un elefante ao que maltrataban convertíndoo en diversión para turistas (porque o turismo trae esas consecuencias), o encontro con xentes de todo tipo (a familia de estranxeiros que lles axuda ou a muller que os denuncia), os mahouts ou gardiáns de elefantes, a selva sempre a selva, Ru o lugar da utopía onde cada un pode sero que queira... 

 

"