domingo, 14 de decembro de 2025

A nova novela de An Alfaya

A nova novela de An Alfaya leva por título Irracionais e está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia. 

Da presentación editorial:"Unha novela que convida á reflexión sobre o respecto á diversidade fronte á intransixencia de quen rexeita as distintas identidades.  A obsesión do neurólogo Vicente Barbosa polo número áureo, coa complicidade da publicista Alexia Velasco e do cirurxián plástico Bruno Rodas, lévaos a tramar un plan macabro cuxa cerna agroma da discriminación sexual e de xénero. O slogan da páxina Web de Perfect Models: “A diversidade sexual non é ningunha barreira, senón unha ponte”, sérvelles de cebo para captar a mocidade vulnerable; a Nave será o espazo creado para a experimentación, e Andrea, Marcia, Maxi, Gladis e Iván, converteranse nas súas cobaias. Mais, non estarán sós, pois os actos perversos dos tres instigadores sementarán sospeitas ao seu arredor. Conseguirán ser desenmascarados?"

A familia monoparental dunha nai e unha filla que acaba de rematar o bacharelato. Dúas mulleres que teñen unha boa relación e asumen a transexualidade da moza. Unha tentación, nese anuncio de axencia de modelos, no verán anterior á universidade. Unha trampa que tenden aqueles aos que a diversidade lles molesta... porque alguén anda á caza do diferente para experimentar e demostrar que a súa ideoloxía é a boa... En tempos de neofascismos o coidado debe extremarse, porque non todo o mundo está disposto a aceptar a realidade: hai quen a quere facer á súa medida!

Unha novela sobre a transexualidade, a homosexualidade, a marxinalidade e a súa persecución por parte de quen non acepta a diferenza. 

FINALISTA PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS DE LITERATURA XUVENIL 2025

Ningún comentario:

Publicar un comentario