Elena Gallego Abad acaba de publicar O libro de Borboligón na colección Merlín de Xerais, con ilustracións de Chus Rojo.
Da presentación editorial: "Chega a Hora do Conto. A Elba gústanlle os Contos de Felices Soños que lle le o seu pai antes de durmir e os Contos dos Domingos que relata a avoa Merliña na vella biblioteca. Cando chega o Nadal, pide como regalo de Reis «O libro de Borboligón», que garda todos os contos do mundo. O que ninguén imaxina, é que Elba pode acabar atrapada nas súas páxinas, convertida nun personaxe máis, entre princesas, dinosauros, piratas ou bruxas. Había unha vez... Unha aventura sorprendente que che fará crer na maxia dos contos e da lectura." Porque "Había unha vez un Conto Nunca Contado, escrito con Letras Simpáticas nun Libro Máxico..."
O poder dos contos. Os momentos felices cando entre a criatura e o libro se moven os afectos nun camiño de ida e volta. As persoas adultas prestando toda a atención ás crianzas léndolle ou contando directamente o que nace da imaxinación. A nena di personaxes e a avoa crea o conto. A aprendizaxe das palabras para facerse co mundo. Os Reis Magos cumprindo desexos (cando se merecen). Aqueles outros agasallos que crean problemas en vez de resolvelos, ese excesos de xoguetes cos que fan que xogan para non defraudar pero que só serven para dicirlles aos demais que os queren moito (porque moito gastan neles) pero que maldito o interese que lle teñen. Porque a maxia está na poesía non na manufactura. E andando o conto aparecea tinta simpática, a dos espías e nenos con segredos, o poder do limón máis alá de achegarnos vitamina c. Gardiá de biblioteca e dos contos, persoas que ao mergullarse nunha historia queda dentro porque tanto poden facerse reais os personaxes como converterse en personaxes as persoas reais, contos de contos nos que aparecen os personaxes doutros, príncipes e princesas, armarios dos que sae xente, portas máxicas, pradarías de trevos de boa sorte, cousas que aparecen de verdade cando as pintas... quen son as Medras para as que quedan a roupa e os zapatos que nos son grandes? que pasa cando o tempo se parou nun instante mentres as aventuras corren e corren e todo vai semellar un soño?
Avoas e netas compartindo historias e libros, segredos que non poden contarse...

Ningún comentario:
Publicar un comentario