Amosando publicacións coa etiqueta Leo Lionni. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Leo Lionni. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de maio de 2025

Un ano enteiro

Un ano enteiro de Leo Lionni está traducido por Xosé Manuel González e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. 

Da presentación editorial: "Unha historia para coñecer os meses do ano e o ciclo das estacións, ademais de sensibilizarnos sobre a importancia do coidado da natureza." "Unha nova fábula de Leo Lionni para familiarizarse cos meses do ano, coas estacións e co valor da natureza. O primeiro día de xaneiro, Lolo e Lara, dous ratiños de campo, fan unha nova amiga: Flora, unha árbore falante. Tras superar a sorpresa inicial, deciden visitala durante todo o ano. A medida que pasan os meses, Lolo e Lara observan como Flora absorbe a auga da neve ou da chuvia, como florece na primavera, dá froitos no verán ou lle caen as follas no outono. Cando chega o Nadal, Lolo e Lara celebran xuntos que teñen unha grande amiga e prepáranse para un novo ano cheo de sorpresas."

"Regresan os coñecidos personaxes do gran Leo Lionni neste clásico publicado orixinalmente en 1992 e inédito en España. Un álbum ideal para coñecer o ciclo do ano, os meses e as estacións, ademais de sensibilizar os lectores e as lectoras máis pequenos sobre a importancia do coidado da natureza e do medio ambiente. Unha fábula deliciosa editada nun orixinal formato e unha lectura perfecta para todo o ano."

O formato é ben especial. Moi alongado e alto, coa ilustracións acostumadas de colaxes con recortes de papel. 

Cando os ratiños xemelgos descobren un rato de neve cunha vasoira na man... sucede que non é tal vasoira senón unha árbore que lles fala, mes a mes visítana e van vendo como cambia, como lle nacen os gromos, as flores e as follas, os froitos no seu tempo... e como lle caen as follas no outono, cando os ve tristes ela dilles: "Non vos preocupedes, o ano que vén, terei follas novas".

Os ratiños empatizan coa árbore, dálles pena que non se poda mover e que corra perigo ante os incendios, por iso lle axudan cunha mangueira e auga. Son amigos, así que en Nadal traeranlle agasallos, claes serán os que máis lle gustan? Tamén para iso dá a historia, para percorrer un ano ao redor dunha árbore cos seus cambios, para ver os perigos do lume e para saber cales son as preferencias de cadaquén.  

xoves, 26 de setembro de 2024

Un novo libro de Leo Lionni

 


Un peixe é un peixe de Leo Lionni aparece na colección Tras os montes de Kalandraka. Con este título chega o autor á ducia de libros en galego traducidos e publicados por Kalandraka nese intento por traer aos mellores á nosa lingua, nese interese por dotarnos dos clásicos infantís e non permitir que desaparezan na voráxine das novidades. Neste caso traducido por Xosé Manuel González e na colección Tras os montes.  Preséntase así: "Unha fábula sobre a amizade que anima á reflexión sobre a identidade, o coñecemento e a aceptación dun mesmo."

Si, na lagoa atópanse un peixiño e un cágado. Ao peixe cústalle traballo comprender que o cágado se converta en ra, máis tarde resultaralle moi interesante o que esta lle conta do que ve polo mundo: paxaros que voan, vacas con bolsas rosadas cargadas de leite, xente camiñando a dúas patas... O peixe soña con todo o que a ra lle conta (aínda que tal como el as imaxina igual non é como realmente son). Un día non aguanta a curiosidade e salta da auga para a terra coas ganas de ver ese mundo. Case morre no intento se non fose porque a ra se dá conta e o empuxa de novo á auga; alí recupérase e acepta que un peixe é un peixe.

Moita ensinanza nun só libro.Os adultos verémonos moi reflectidos cando vemos todo á nosa medida, cando queremos facer o que non  nos corresponde...