Un vampiro perigozo de José Carlos Andrés (autor de Los miedos del capitán Cacurcias ou Adoptar un dinosaurio) e ilustrado por Gómez (recoñecida por Daniela pirata, O dedo no nariz...). Non figura tradutor na páxina e está publicado por NubeOcho.
Da presentación editorial: "Unha nena paseaba por unha rúa baleira da remota Transilvania cando apareceu unha enorme sombra! Unha sombra que asombra!? ZON UN VAMPIRO! UN VAMPIRO PERIGOZO! A nena tremelicou, pero de risa. Este vampiriño non consegue dar un susto a ninguén. A este paso non poderá superar o exame da escola de vampiros... Unha divertidísima historia para superar os nosos medos.
Certo, o vampiriño non mete medo, así non vai poder superar a proba e ser enviado á escola de peladores de plátanos. A nena decide axudarlle e resulta máis doado do que se podería pensar. Que importante é a axuda dos demais, a empatía para sentir as angustias que sente o outro (incluso un vampiro), a mirada externa sobre un problema... E que gracia escoitar falar a un vampiro coa z!
Os meus lugares secretos de Jaspreet Kaur e Manjit Thapp, non figura tradutor e está publicado por Cumio.
A pregunta é: A onde te dirixes cando o trafego e o bulicio da cidade te supera?
Da presentación editorial: "Abordando temas como a ansiedade, o medo, a bondade e a alegría, exploramos a través deste libro, como afrontan as súas emocións distintos nenos e nenas en contornas moi saturadas e ruidosas como a cidade.Tráfico! Obras! Sirenas! A onde te dirixes cando o trafego e o bulicio da cidade te supera? Desde a calma e o silencio dun museo ata a calidez dun chocolate ben quentiño, esta tenra historia é unha celebración deses preciosos momentos que se esconden entre o caos urbano.
Inclúe actividades de mindfulness ao final do libro con moitas ideas fáciles e accesibles para nenas e nenos de calquera parte do planeta."
Comeza con rima e logo non sempre cumpre as expectativas, ben difíciles na tradución. O contido: nas cidade todo é ruído pero hai lugares onde conseguir paz: unha biblioteca, un museo, o piso superior do autobús, o parque... Aí, cando te sentes abafado, atoparás un espazo de calma no que recuperarte. Ao final atoparemos dúas páxinas de mindfulness para axudarte neste empeño: exercicios de respiración, estiramentos, envío de mensaxes, observación da natureza, , oler conscientemente o que tes arredor, debuxar ou pintar, escoitar música, comer algo saboroso, conversar, escribir un diario ou durmir e descansar.
Un libro de autoaxuda para crianzas aos que nos imos acostumando na liña das emocións e outros aledaños. Sería interesante ver quen os utiliza e como: na familia, na escola, nos lugares de tempo libre... e tamén que hai detrás de todo iso: non será que estamos convertendo as crianzas en vellos executivos que precisan calma e descanso, en que voráxine os estamos introducindo para que nesas idades nas que lles sobra enerxía precisen recargala con relaxación. Que hai detrás deste mundo que lles estamos a ofrecer cheo de actividades e xoguetes, de actividade dirixida que non lles deixa tempo para o aburrimento, para pensar, para crear libremente...?
Ningún comentario:
Publicar un comentario