Carlos Labraña leva toda a vida escribindo teatro pero por unha estraña razón acaba de estrearse como novelista. A biblioteca Galática contra a IA Fantástica.
De calquera maneira é unha narración que se presenta polo 75 aniversario da editorial Galaxia e da man do grupo Tanxarina teatro de títeres.
Preséntase así: "O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se
torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha
loita contra o reloxo, o rato bibliotecario, Ramón Lamote e Sara deberán
loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para
liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa
maléfica influencia. Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar, dirixido aos centros de ensino. Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas. A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á
amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da
palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar
coa imaxinación e a fantasía. Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen
as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de
marionetas protagonizado por algúns dos personaxes máis senlleiros da
literatura infantil galega. Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario
no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o
pracer da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis
de corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de
bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan
historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer
rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en
distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en
festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica."
Trátase polo tanto dunha colaboración entre a editorial o grupo teatral e o autor para celebrar ese cumpreanos da Galaxia.
Na obra atopamos outras obras e outros personaxes, dende o Toribio de Carlos Casares coa súa amiga Sara e o seu inimigo o profesor Smith, o espantallo amigo de Neira Vilas, o lobo namorado de Fina Casalderrey ou Pedro Lamote ese personaxe creado por Paco Martín co que conseguiu traer a Galicia o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Homenaxes a libros pero tamén a teplos da cultura como as bibliotecas, á lectura e á bondade porque todos eles loitan contra Smith que é a reencarnación do mal. No medio de todo isto a Intelixencia Artificial como novidade á que prestarlle atención e o sempiterno rato de biblioteca percorréndoa polos séculos dos séculos.
Tal como acontecera, xustamente, con O espantallo amigo, representación que levaran a cabo Os Quinquilláns, a rapazada terá a oportunidade de ler e ver a mesma historia da man da editorial que garda os dereitos de autor dos clásicos galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario