sábado, 17 de maio de 2025

A avoa canta como a cotovía

A avoa canta como a cotovía de Celia Díaz Núñez resultou finalista do premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer 2024. Aparede agora co selo Cantareiras. Letras galegas 2025, ilustrado por Alba Santa.

É un neno quen conta a historia, comeza comentando o primeiro día no que a avoa o confunde co seu irmán e el vai aceptando e así pasa a chamarse unhas veces Adrián e outras Toño. A avoa xa tivo que vir vivir con eles e deixar a aldea por culpa da enfermidade. O neno é unha tenrura sempre disposto a botarlle unha man e entender o seu proceso mentres tenta distraela e deter a enfermidade. As cancións, as coplas que a avoa leva toda a vida repetindo como resposta a calquera circunstancia son un fío de enlace coa realidade, un fío do que tira ese pequeno que tanto mira con ela as fotos familiares como a leva a camiñar da man, canta con ela, a acompaña nas súas perdas, lévalle o canciño das veciñas para que xogue con el ou a grava cantando as cancións para despois poñerllas e animala a seguir cantando ou tamén para poder mostrarlle ao irmanciño que vén de camiño as falas da avoa que xa non vai ter. Un texto cheo de afecto no que tampouco se oculta o problema de quen asume os coidados nes discusión que se adiviña entre a nai e o tío na cociña.  

As ilustracións son sinxelas, un tanto planas pero cun estilo propio que as envolve mostrándonos outra maneira de ver a realidade. 

É unha boa idea esta de ir publicando os accésits do premio porque cando os lemos seméllannos ben interesantes e de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario