Amosando publicacións coa etiqueta Gómez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gómez. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de setembro de 2026

Dous álbums con mocos de narices

O moco máis rico do mundo de Valeria Kiselova e Mamen Marcén, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. O ogriño adoraba os mocos, era o que máis lle gustaba no mundo e sempre llos pedía a súa nai, pero non era doado conseguilos. Para o seu cumpreanos é o que pide e os pais vense na obriga de organizar un concurso de mocos. Quen pensades que ganou? Nin o trasno, nin o dragón, nin a meiga, nin a serea, ni o monstro do lago Ness... 

Escatoloxía en estado puro!

O outro álbum é O dedo no nariz de Paula Merlán e Gómez, traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. A Sofía o que lle gusta é ter o dedo índice metido no nariz todo o día, os pais avisan pero ela non fai caso, segue ao seu. Ata que un día descobre que ten un nariz enorme e preocúpase, daquela fai todo o posible para que disminúa de tamaño e elimina ese costume, pero... hai alguén que copia o que ve porque é moito tempo de observar mentres semella que anda ao seu, sen fixarse. Esa segunda historia tamén vale a pena.

Dá moita pena ver que a editora presenta todos os seus libros en castelán e para atopar o imaxe en galego temos que acudir a unha libraría. É oportunismo, ou que é? é minusvaloración? é facelo por algunha razón pero non crer na lingua?

luns, 5 de maio de 2025

De variada silva

Un vampiro perigozo de José Carlos Andrés (autor de Los miedos del capitán Cacurcias ou Adoptar un dinosaurio) e ilustrado por Gómez (recoñecida por Daniela pirata, O dedo no nariz...). Non figura tradutor na páxina e está publicado por NubeOcho.

Da presentación editorial: "Unha nena paseaba por unha rúa baleira da remota Transilvania cando apareceu unha enorme sombra! Unha sombra que asombra!? ZON UN VAMPIRO! UN VAMPIRO PERIGOZO! A nena tremelicou, pero de risa. Este vampiriño non consegue dar un susto a ninguén. A este paso non poderá superar o exame da escola de vampiros... Unha divertidísima historia para superar os nosos medos.

Certo, o vampiriño non mete medo, así non vai poder superar a proba e ser enviado á escola de peladores de plátanos. A nena decide axudarlle e resulta máis doado do que se podería pensar. Que importante é a axuda dos demais, a empatía para sentir as angustias que sente o outro (incluso un vampiro), a mirada externa sobre un problema... E que gracia escoitar falar a un vampiro coa z!

Os meus lugares secretos de Jaspreet Kaur e Manjit Thapp, non figura tradutor e está publicado por Cumio.

A pregunta é: A onde te dirixes cando o trafego e o bulicio da cidade te supera? 

Da presentación editorial: "Abordando temas como a ansiedade, o medo, a bondade e a alegría, exploramos a través deste libro, como afrontan as súas emocións distintos nenos e nenas en contornas moi saturadas e ruidosas como a cidade.Tráfico! Obras! Sirenas! A onde te dirixes cando o trafego e o bulicio da cidade te supera? Desde a calma e o silencio dun museo ata a calidez dun chocolate ben quentiño, esta tenra historia é unha celebración deses preciosos momentos que se esconden entre o caos urbano.

Inclúe actividades de mindfulness ao final do libro con moitas ideas fáciles e accesibles para nenas e nenos de calquera parte do planeta."

Comeza con rima e logo non sempre cumpre as expectativas, ben difíciles na tradución. O contido: nas cidade todo é ruído pero hai lugares onde conseguir paz: unha biblioteca, un museo, o piso superior do autobús, o parque... Aí, cando te sentes abafado, atoparás un espazo de calma no que recuperarte. Ao final atoparemos dúas páxinas de mindfulness para axudarte neste empeño: exercicios de respiración, estiramentos, envío de mensaxes, observación da natureza, , oler conscientemente o que tes arredor, debuxar ou pintar, escoitar música, comer algo saboroso, conversar, escribir un diario ou durmir e descansar. 

Un libro de autoaxuda para crianzas aos que nos imos acostumando na liña das emocións e outros aledaños.  Sería interesante ver quen os utiliza e como: na familia, na escola, nos lugares de tempo libre... e tamén que hai detrás de todo iso: non será que estamos convertendo as crianzas en vellos executivos que precisan calma e descanso, en que voráxine os estamos introducindo para que nesas idades nas que lles sobra enerxía precisen recargala con relaxación. Que hai detrás deste mundo que lles estamos a ofrecer cheo de actividades e xoguetes, de actividade dirixida que non lles deixa tempo para o aburrimento, para pensar, para crear libremente...?

domingo, 28 de xaneiro de 2024

Varias novidades: Dous libros para ver

Unha momia moi famenta de José Carlos Andrés ilustrada por Gómez, traducida por Maruxa Zaera e publicada por Nubeocho. Unha pequena momia esperta nunha pirámide; está morta de fame e berra porque leva moito tempo sen falar, tamén terá frío porque as vendas van caendo... O mellor é que cando fuxen os que a ven, queda atrás unha nena que decide axudala; fanse amigas. Alí as nais da nena botaranlles unha man antes de que a raíña Endas teña que volver á pirámide e elas regresar ao lugar de orixe, pero volverán para visitala e deixarlle comida. Ben contada, magnificamente ilustrada e introducida a diversidade familiar de maneira absolutamente natura, porque hai algo menos raro que ten unha mamá e unha mami?

O trocatintas de Gonçalo Viana traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Un libro no que se conta unha historia algo absurda ao redor dunha nube e unha árbore pero no que o importante é a imaxe, esas ilustración de dous nenos, un can, un mundo no que a árbore nube vai cambiando de cor facéndose nube, onde un público observa, incluso covnertgido en casas (unha das mellores imaxes nas que as casas teñen ollos, moitos ollos e exprsión). Todo un xogo de cores e formas fermosísimas e orixinais nos que o sol pode ser un ollo, os homes converterse en paxaros e mostrando a capacidade de creatividade para cambiar un imaxinario xogando cos estilos máis vangardistas da arte. Moitas lecturas pode achegar unha obra como esta na que o autor tamén é personaxe!