Amosando publicacións coa etiqueta Algar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Algar. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de marzo de 2025

Un álbum e unha banda deseñada

Unha de monstros de Rocío Bonilla, traducido por Bruno Martínez Pita e publicado por Algar.

Da presentación editorial: "Quen di que facer pasteis é perigoso? Aquel sábado, mentres mercabamos no mercado, descubrimos algo que nos deixou petrificados. Resulta que alí entre os postos se agochaba un segredo... monstruoso!"

Dous irmás xemelgos, iguais por fóra, moi distintos nas afeccións agás nunha que comparten: facer pasteis. Na súa visita de sábado ao mercado para mercar ingredientes pasan polos postos da señora Pepa (a dos froitos secos), do señor Paco (o froiteiro), de don Luís (o do ultramarinos), de Pilarica (a dos ovos)... pero a Teodora escapoulle a pelota que sempre leva consigo e ao abaixarse para recuperala descobren que Pepa ten unha cola verde chea de escamas... e moitas máis cousas sorprendentes, todos os seus amigos teñen algo de animal: son monstros disfrazados de persoas! teñen moito medo, moito medo ata que deciden actuar, que cres que farán? como poden saír de problema semellante? Haberá que ler o álbum, observar os xestos e expresións de cada personaxe, haberá que entrar nese mundo e pensar.

Superpataca en Enredo cósmico nas cloacas. Episodio 3 de Artur Laperla publicado por Mamut, agora en galego, para + 6 anos.

Da presentación editorial: "Nas cloacas: aquí conclúe esta triloxía espacial. Cun ladrón que case sae coa súa, unha cazarrecompensas rabiosa e naves micronianas sobrevoando os sumidoiros. E o que é peor: o rei Lesma, vitorioso e armado cun poderoso raio, está disposto a acabar dunha vez por todas con Superpataca. Conseguirao?" 

Unha historia ben repugnantiña co seu paseo polo submundo, un relato que se sitúa no universo e tamén no subterráneo, estraños personaxes cos que costa traballo identificarse...

sábado, 3 de agosto de 2024

Varios álbums

Cando estala a tormenta de Bea Taboada e Dani Padrón publicado por Algar. Así se presenta: "Ás veces, unha tormenta de emocións núbrame a cabeza. Mamá di que estas tormentas chegan de súpeto e poden traer nubes, chuvia e tronos. Semella imposible paralas. Mais mamá, que ás veces tamén ten tronos na cabeza, sabe moi ben como me sinto e que podo facer. Un relato para aprendermos a xestionar as perrenchas e os sentimentos negativos dende o agarimo e a empatía."

Un libro de emocións. Outro máis, que pouco achega... se achega algo. Unha nai que lle vai falando á nena doque esta debe andar sentindo e vaille dando alternativas: respirar forte e soprar amodiño, chorar (coma unha chuvia na que descarga a tormenta), falar, cantar, bailar, escribir e debuxar...  ela axudalle, sempre vai permanecer ao seu lado.

Autoaxuda. Semella que é case a contiuación dun anterior que debía levar por título "Ás veces, mamá ten tronos na cabeza". Non podemos deixar de comentar que na páxina da editorial só aparece o título e a cuberta en castelán: por que? Ten que haber unha razón... 

San día sen fume de Josemi García, con ilustracións de Marina Hernández Ávila con tradución de Xosé Duncan, aparece publicado en Bululú.

Preséntase asi: "Dona Rotonda e Don Peón sofren o mal fume do tráfico da cidade. Pero, ese día, un feixe de sandías escapan dun camión e toda a cidade aproveita para montar unha festa e unha manifestación.
Este álbum, a través do humor e a rima, enxalza o ecoloxismo e a necesidade de acadar, entre todos, unhas cidades máis limpas e humanas. Escrito en letra maiúscula, facilita a aprendizaxe das letras para os primeiros lectores."

Nada que dicir...

mércores, 31 de xullo de 2024

Un novo diccionario visual

 

Un novo diccionario visual: O día a día dos oficios de Subi, traducido e adaptado por Bruno Martínez e publicado por Algar. 

Así se presenta: "Neste libro atoparedes un repertorio de situacións e imaxes a toda cor e cheas de detalles relacionadas co día a día dos oficios. O mercado, o hospital ou as enerxías renovables son algunhas das escenas que propician a conversa sobre as accións, a adquisición de vocabulario e a reflexión sobre as emocións retratadas. Unha ferramenta útil para enriquecer a lingua e a comprensión dos cativos dunha maneira doada e divertida, con empatía e creatividade. Unha lúdica ollada panorámica sobre o mundo que nos rodea e as persoas que axudan a melloralo co seu traballo."

Unha lámina central de ambiente e, por ambos lados, a imaxe co nome. Ben traballado en xeral e cunha mirada sobre a igualdade de homes e mulleres. O libro vai facendo un percorrido ben interesante por ámbitos como A clínica veterinaria, O teatro, O taller mecánico, O salón de peiteado, O porto, A construción, O parque de bombeiros, O hospital, O ercado, A carpintería, A granxa, A escola, O estadio, A cociña dun restaurante, As enerxías renovables, A biblioteca e O concerto de música.

xoves, 6 de xullo de 2023

Hábitos saudables e de convivencia

A recoller de Rocío Bonilla, publicado por Algar.

Babymoni xogou e pasouno fenomenal, mais chegou a hora de recoller os xoguetes. Gárdaos todos todos, que non quede nin un fóra do seu sitio! Recoller tamén é un xogo: encesta a pelota, os avións aterran na cesta, os bonecos gárdanse con coidado, os coches lévanse ao aparcadoiro... cando pensa que xa está todo, vai cargado e tropeza cun coche que quedou no chan... cae con toda o peso e volta a comezar. Moi bo, pouco texto, pastas duras, libro pequeno (non precisa nin máis papel nin máis tamaño).

xoves, 27 de abril de 2023

Libros de Rocío Bonilla

Grazas. Historia dun rueiro é da autoría completa de Rocío Bonilla, traducido ao galego por Elvira Ribeiro Tobío e publicado en Algar.

Así se presenta: "Grazas a unha avaría inesperada, a vida do rueiro vai mudar totalmente. Grazas á curiosidade e á empatía,os veciños e veciñas van chegar lonxe, moi lonxe. E farano xuntos. Unha historia sobre a convivencia e as relacións humanas. Unha historia sobre todos nós."

Comeza así: "Había unha vez un ru
eiro coma moitos outros. Tiñas casas, farois, árbores... e veciños que non se coñecían." Cada un coas sáus características, cada un imaxinando como eran os demais, desconfiando deles, ignorando como vivían ou o do que gustaban ata que un día sucedeu esa avaría inesperada que os vai poñer en contacto, porque uns poden axudar aos outros, facer cousas xuntos e divertirse moito máis. Contar cos demais!  Pasar da incomunicación á solidariedade...

A cuadrilla dos 11 da mesma autora e publicado tamén en Algar, neste caso traducido por Bruno Martínez. A presentación explícao de maneira moi clara: "Cando o invitaron a unirse a aquela cuadrilla, Benxamín sentiuse importante. Era extraordinario formar parte da cuadrilla dos 11. Todo o mundo os admiraba e respectaba! Mais... era admiración de verdade ou simplemente lles tiñan medo? Benxamín tiña que tomar unha decisión: seguir sendo o peixe número 11 ou defender a amizade e o verdadeiro respecto." Porque si, o peixe antes de ser o número 11 chamábase Bruno, era tímido e xogaba cos outros, cando apareceu a cuadrilla convidárono só a el a ir con eles, sentiuse importante de converterse no número 11, sentíase ben porque todo era máis doado ao non ter que tomar ningunha decisión, só seguilos... ata que deixou de facerlle gracia tanto divertirse a conta dos demais e decide deixar de seguir aos outros 10. O mellor de todo foi que os outros tamén foron caendo na conta de que aquelas brincadeiras tapouco lles parecían tan divertidas e un a un foron abandonando a cuadrilla. 

Moi didácticos, certo, pero moi ben montados, moi ben ilustrados. Ambos contaron con axuda do Ministerio.

xoves, 9 de febreiro de 2023

Historias de heroínas

Max e os superheroes de Rocío Bonilla e Oriol Malet, traducido por Elvira Ribeiro e publicado por Algar. Dous tipos de debuxos: os do conto (suaves) e os dos superheroes (moi de banda deseñada e agresivos. Unha historia: a Max encántanlle os superheroes, e o que máis Mega Power, unha muller que ten todos os poderes e o fai todo mellor ca ninguén... ao final descubrimos quen é este superheroína e cando lle gusta máis é cando pon o disfrace de nai e lle dá o beixo de boas noites. Porque non hai que ir demasiado lonxe para atopar grandes heroes, está máis preto do que pensabamos... Un libro que ten o premio Kirico.

Asali e a lenda dos baobabs de Paula Merlán e Nívola Uyá. Publicado por Triqueta Verde.

O avó cóntalle a lenda da razón pola que os baobabs medran do revés e a nena conseguirá reverter o futuro. Moitas cores, un debuxo barroco e quente.