martes, 31 de marzo de 2026

O Premio Raíña Lupa na modalidade xuvenil

O Premio Raíña Lupa na modalidade xuvenil do ano 2024 recaeu en Unha historia de amor como outra calquera de Rosa Aneiros que aparece publicada na colecciójn Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial:"Que teñen en común o explorador Ernest Shackleton e a brillante científica Olalla Caínzos? Exacto! A fascinación pola Antártida! A iso debemos sumar o odio que Alma sente por eles. A súa nai era divertida e unha contadora de historias magnífica ata que a obsesión polo continente branco e polo quecemento global a papou enteiriña. Por iso, ela está en guerra aberta co mundo, un mundo que inclúe ao seu pai, a profe Patricia, a súa examiga Lía e o instituto enteiro. Mais Alma non tardará en aprender que na fría, inhóspita e hostil Antártida, numerosas especies sobreviven grazas a unha inmensa capacidade de adaptación ao medio. E ela é un deses fascinantes seres, só que aínda non o sabe. Unha novela chea de xistras, liques extraordinarios, calcetíns desparellos, cibercarrachos, infernos de neve e trenzas viquingas que conforman unha historia de amor coma outra calquera." 

Ela, Alma, unha rapaza de trece anos comeza a contarnos a historia, fala da familia, da avoa Paula sempre encabuxada e falando sen control, do silencioso avó que se converte nun contador de historias e se ten que mudar con eles, do pai metido na internet para descubrir os delitos, da nai na Antártida investigando, de Lola (a muller que lles vai poñer orde na casa), da profesora de matemáticas -amiga da nai- que pretende botarlle unha man pero, como deixarlle?, de como o seu cabreo co mundo a leva á soedade máis absoluta. Ela espiando detrás das cortinas ou das portas,  contándonolo todo: o divorcio dos pais, a súa maneira de non querer chamarlle nai a quen o é, a chegada da moza que bota o pai, a enfermidade da nai e a revoda para poder coidala, o avó que se fai presente nesa casa de caladiños, o acordeón que a acompaña e lle serve aos demais para castigala, pero tamén se castiga ela coas autolesións, unha casa en silencio que se semellaba ó continente de xeo. A dor pode ser tan dura que teñas que negarte a compartila por non rachar, pero Alma vaise salvar, xustamente, pola capacidade de empatía resistencia ante o xeo comunicativo.

A novela da Antártida, do continente branco con todos os seus exploradores e investigadores. O punto xeográfico no que deterse a desentrañalo. O cambio climático de fondo. Unha adolescente que nos marabilla por esa capacidade de mirarse e mirar o mundo e, sobre todo, por contárnola nunha das mellores novelas xuvenís da que nos acordaremos oitos anos despois de lela. Rosa Aneiros non pode negar esta capacidade narradora que transcende para entregarnos produtos esixentes e dunha calidade límpida. Así como en Catro plumas de dinosauro e Faísca, a nena neandertal nos conduce á Prehistoria para que a ficción conteña información, en Unha historia de amor como outra calquera lévanos ao cojntinente máis descoñecido para espertar nos adolescentes a curiosidade, para que podan entrar nunha aventura que vai máis alá das súas vidas e do seu contexto, nunha expedición internacional con expedicións e investigacións que nunca deixan de sorprendernos.

Canto lle debemos a esta escritora que -coma unha abella- constrúe silenciosamente a nos amellor literatura!  

Ningún comentario:

Publicar un comentario