Amosando publicacións coa etiqueta premio Raíña Lupa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premio Raíña Lupa. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de decembro de 2024

XVII Premio Raíña Lupa 2023 e segunda parte dunha serie de bd

As pedras verdes de Rafael Fernández Lorenzo acadou o XVII Premio Raíña Lupa en 2023 e aparece agora publicado por Xerais coas ilustracións de Tamara Baz. 

Da presentación editorial: "Nunha aldea á beira do río Uaupés, na selva amazónica, vive un mozo chamado Caique. Dende hai algún tempo anda na procura da súa nai. O pai elude calquera conversa relacionada co asunto, porén, todas as pescudas do rapaz apuntan a que a nai vive no Reino das Icamiabas, unha tribo composta integramente por mulleres guerreiras que non aceptan a presenza masculina nas súas terras. Comeza así unha viaxe repleta de emocións e aventuras, onde a maxia, o folclore e a realidade se mesturan con marabillosas paisaxes e algún romance secreto. Todo baixo a atenta mirada do exuberante Amazonas, que flúe libremente esparexendo a vida alá por onde pasa. En palabras do xurado que outorgou o XVII Premio Raíña Lupa, esta é «unha novela que conta tamén a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual, na cal a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais»." As pedras verdes son as pedras preciosas polas que se mata, as que os indíxenas utilizan a modo de amuletos que dan significado á superación de probas, ao ritos de iniciación pero o estranxeiro ve só como fortuna ao alcance da man El Dorado á volta da esquina ou meandro do río.

O Amazonas. As tribos nativas separadas unhas das outras. Os conquistadores actuando coa maior crueldade. Eles baixan polo río arrasando con todo e creando o terror máis absoluto, só unha milagre poderá salvar a situación e tal vez este sexa unicamente a unión dos demais,o enfrontamento intelixente... Francisco de Orellana, Gaspar de Carvahjal, Lope de Aguirre son nomes a recordar, os eu medo ante o descoñecido e a ansia de riquezas, de esquilmar as xosias dunha terra que querían crer habitada por medio homes. No medio as amazonas, esa tribo de mulleres (sen homes) que só se xuntan cos homes doutras tribos para poder procrear e que entregan as criaturas cando nacen homes a aqueels cos que se deitaron porque só quedan coas nenas. Pais que crían ao fillos sen nai e nais que as crían a elas sen pai nun empeño por salvagardar algo no que igual temos que reflexionar: por que non querían aos meniños entre elas, por que se negaban ao amor e a convivencia cos homes?  

Unha nova crónica que nos sumerxe na atrocidade e o mito das mulleres independentes, nomedio do paraíso (ou inferno?) da selva.

Segunda parte dunha serie Heartstopper volume 2 de Alice Oseman traducido por Nee Barros e publicado por Xerais que, como ben di na cuberta, inclúe a historia da Tara e da Darcy.

Da presentación editorial: "Este é o segundo volume da serie best-séller Heartstopper, escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman" Da sinopse "O Nick e o Charlie son mellores amigos. O Nick sabe que o Charlie é gay, e o Charlie está seguro de que o Nick non o é. Mais o amor funciona de xeitos sorprendentes, e o Nick está a descubrir todo tipo de cousas sobre as súas amizades, a súa familia... e sobre si mesmo". O amor homosexual entre rapaces e entre rapazas, o entendemento entre eles e elas e a dificultade para ter unha relación normalizada con heterosexuais cando estes se solapan cos seus prexuízos.

Unha maneira tenra e natural de contar estas relacións, de ver como esperta o desexo e como semantén o afecto e a amizade.

xoves, 16 de febreiro de 2023

Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

 

Que me pare o corazón se te esquezo de Andrea Maceiras resultou ganadora do premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Este é o resumo na súa páxina: "Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte.

Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón.

Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz."

Entre as curiosidades que cita a autora...  Nace da necesidade de procurar quen somos e do desexo de quen queremos ser pero, sobre todo, de como nos esforzamos por amosarnos ante os demais. E do arriscado de fiarse das aparencias. Nela están presentes as luces e sombras das redes sociais, todas as verdades e mentiras que van compoñendo as stories, os vídeos e as fotografías destinados a lograr unha perfección imposible. A creación dos nomes dalgúns dos personaxes principais é algo moi significativo, porque non se trata dos nomes de pía, senón daqueles outros cos que eles e elas se identifican de verdade: os nomes que os definen nas redes, xogando coa construción das súas identidades, co que finxen ser e co que realmente agochan. Así, Ada pasa a ser Fada Escura nas redes, evidenciando a negrura que tingue o seu mundo interno. Esta noite perpetua só pode ser alumeada pola súa irmá xemelga, Lúa, que no universo virtual se transforma simbolicamente en Plenilunio: o momento de maior resplandor: o da lúa chea. Pola súa parte, Gabriel, adopta o nome de Dante en redes, en homenaxe ao poeta italiano Dante Alighieri. A obra máis famosa deste escritor, a Divina Comedia, relata a baixada aos círculos do inferno do seu protagonista e coincide co nome da canle de Gabriel, reflectindo a súa experiencia. Existe na miña realidade unha cidade tan parecida a Nordestal que se diría que son a mesma.

Unha boa historia de Andrea Maceiras, na que unha vez máis se detén na problemática xuvenil, as redes sociais, a popularidade, os retos... e de fondo o permanente: a amizade, as circunstancias de cada vida e as dificultades para superalas, o mundo da escuridade introducíndose no real como unha peste de fume que o envolve, a masa funcionando como un grupo descabezado, os deuses e as deusas presentes a través dos tempos a modo de mitoloxías que xogan co subconsciente, a etapa convulsa da adolescencia...