luns, 16 de marzo de 2026

Libro co Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga

 

Patio de luces de Érica Esmorís resultou ser ganadora do Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga. Ilustrado por Juan Berrio, un debuxante ao que botamos moito de menos na nosa LIX porque acostuma achegar unhas imaxes ben expresivas e ricas. Neste caso, semella buscado a propósito para representar ese patio de luces dende o que podemos observar o que sucede en cada casa e cada tendal. 

Unha moi boa obra e moi ben acompañada. Unha historia coas doses de tenrura e fantasía ou misterio axeitadas para converterse nunha descuberta. Porque as cousas non son o que parecen, porque a curiosidade e a naturalidade ás veces casan ben. Porque alguén ten que rachar a incomunicación e poñer en contacto aos veciños, abrir as portas e darlles a posibilidade de que se coñezan e se traten. Esa nena, Lea, pode ser un pouco indiscreta e insolente pero consegue facer do vecindario unha familia; cada casa, cada familia, cada membro coas súas maneiras pero convivindo como non o fixeran nunca antes. O avó coa profesión en perigo de extinción, non terá que preocuparse, porque a neta non é un encordio senón un motivo de celebración. A verdade é que é o libro que máis de gusta desta autora a moita distancia dos outros: Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, Nena e o mar (premio Merlín) e Quen salva un can.  Un bo libro, digno de premio e enriquecido cunhas ilustracións magníficas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario