Amosando publicacións coa etiqueta Demo editorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Demo editorial. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de marzo de 2025

Unha banda deseñada ambientada en Santiago

Gloria. Todo é obra de artistas de Pío Barreiro e Lola Garcerá está publicado por Demo editorial. Imaxinemos a construción do Pórtico da Gloria, unha nena orfa de nai -Gloria- filla do capataz do Mestre Mateo polo medio, xogando e aprendendo, observando e debuxando, namorándose dun francés que peregrinou e queda a traballar e como as súas ideas fan avanzar o traballo. Imaxinemos unha muller colaborando co mestre...

Así se presenta na páxina de Kómic: "A primeira novela gráfica de Pío, alma mater desta casa, que ve deste xeito materializado o traballo de varios anos de documentación e coidada elaboración do guión plasmado en viñetas pola ilustradora e historiadora da arte valenciana Lola Garcerá. Trátase dun ambicioso proxecto que nos traslada ata a Compostela dos séculos XII e XIII e sitúa a acción nun intre especialmente relevante da historia e da creación artística medieval, tanto galega como europea: a construción do Pórtico da Gloria, considerado un dos cumios da arte universal.  Pío e Lola plantexan unha ficción histórica arredor da entrada occidental da catedral compostelá, a principal deste templo orixinariamente románico, aportando unha interesante visión que transcorre ao longo de máis de tres décadas e que está protagonizada principalmente por Gloria, unha talentosa moza que resulta ser sobriña do Mestre Mateo e filla dun dos principais colaboradores deste na construción desta peza artística, obra mestra tanto na escultura e na arquitectura como na pintura (como amosa a recente restauración da súa policromía inicial). Con case corenta anos de experiencia como libreiro especializado en banda deseñada -e algúns máis como lector- Pío aproveita o seu coñecemento acumulado e dá renda solta as súas inquedanzas artísticas e espirituais para construír un relato denso e complexo, tanto no seu contido como na súa estrutura, sobre a cal poderiamos dicir que muda o coñecido periplo ou viaxe do heroe (neste caso heroína) polo da artista, ao focalizar a trama na propia creación artística e presentar como obxectivo e motor vital dos personaxes a concreción dunha obra chea de simbolismo e significado.  Para acadar esta fin terán que superar diversos obstáculos que van dende os puramente materiais (xestionar e negociar o patrocinio ou mecenazgo dun proxecto desta envergadura, obtención dos materiais necesarios para facelo, así como da man de obra precisa para isto) ata intrigas que teñen que ver con distintas esferas de poder, pasando por atrancos máis etéreos como pode ser a falla de inspiración. Precisamente neste último eido é onde a aportación de Gloria, a nosa intrépida protagonista, vai ser esencial para atopar solución a diversos problemas.  Na construción deste personaxe atopamos tamén un dos elementos máis salientables e consistentes deste álbum, xa que ademais das súas virtudes convértese nun símbolo da igualdade ao reivindicar o seu lugar nun mundo predominantemente masculino. E do mesmo xeito que Gloria, ben acompañada pola súa parella, Nathan, o seu pai, Pierre, e o propio Mestre Mateo, tentará salvar as dificultades que vaian aparecendo no seu camiño, Pío procurou unha excelente compañeira para levar a bo porto o seu proxecto no talento de Lola Garcerá, unha ilustradora debutante pero non falta de experiencia, que achega un debuxo agradable e unha suave paleta de cores para representar con acerto tanto os personaxes como os elementos propios do medievo e que acada algunha páxinas extraordinarias, especialmente nunha fundamental escena final.  Lola é a responsable, así mesmo, dun interesante texto explicativo engadido como epílogo na estupenda edición de Demo Editorial apoiada por Komic."

sábado, 1 de marzo de 2025

Vila Paspán de Cota&Tomé e a BD: A mansión misteriosa

Hai libros especiais, un deles é Vila Paspán de Rodrigo Cota & Fernando Tomé que presentan como cómic aínda que eu o vexo a medio camiño entre este e o libro ilustrado. Ambos creadores coñecéronse na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, un como profesor e o outro como alumno. Cóntannos que o ilustrador ten unha discapacidade visual dun 53%, e que interactuaron moito facéndose moitas suxestións un ao outro e presentan así a obra: " "Vilapaspán é unha aldea, moi inclusiva, onde habitan unha serie de personaxes moi particulares (...) Aquí contamos a historia de dous deles. Un é o Señor Ingrávido, un tipo que flota como se fose un globo de helio e que vai trasladando unha meniña cunha corda ata que nunha desas se lle solta. E outra é Martiña Martelo, que é unha muller que arranxa as cousas rompéndoas". Os habitantes de Vilapaspán teñen a súa orixe nun catálogo de personaxes creado polo ilustrador , arredor dos que despois Cota construíu historias.  Tras contar a historia dos dous primeiros veciños da vila, aspiran que o proxecto teña continuidade, pois xa teñen o seguinte protagonista un gnomo que é astrónomo e recibe o nome de Astrognomo.

Moito de absurdo. Unhas ilustracións moi orixinais, cun estilo moi propio, para unha historia verdadeiramente atrevida cos seus toques fantásticos e humorísticos. Un bo libro. Agardamos que teás continuidade como piden os autores. 

As aventuras de M&M. A mansión misteriosa de Marcos B publicada por Demo editorial. 

Así se presenta na páxina de Tebeosfera: "Unha aventura para público infantil e xuvenil chea de diversión e misterio no máis puro estilo da BD francófona. Sen dúbida un novo descubrimento para a BD galega." Unha parella vai pasar unhas pequenas vacacións á aldea. El ten unha casa pero ao chegar descobren que está en estado ruinoso. Ademais chove... Nin siquera poderán visitar os lugares de interese da zona, ou si? todo é cuestión de probar: a praia, o faro, a casa misteriosa... Un encontro fortuíto cunha moza que confunden cunha serea (porque anda a tentar salvar un delfín) levaraos a esa casa chea de misterios segundo lles contan. Alí pasarán unha noite en vela. Quedan de verse ao día seguinte pero ao non conseguir contactar coa herdeira da casa deciden ir investigar e atoparán cousas, si, non as que esperaban pero outras si... Diso trata o cómic, de medos e desconfianzas de misterios e enigmas, de herdos e tíos que desaparecen sen deixar rastro. 

sábado, 27 de xullo de 2024

Banda deseñada e caderno de seres máxicos

Maia e a troita perlada é unha banda deseñada infantil de Lucía Cid publicada por Demo.

Da presentación editorial: "Durante as súas vacacións, Maia ten una misión, completar a enciclopedia de animais máxicos do seu avó, porén non lle está indo moi ben: parece que ningunha das criaturas do libro existe! Ademais, a rapaza descobre que a enfermidade da súa avoa está indo a peor, algo que non pode permitir. Coa mochila ás costas, a enciclopedia do seu avó e uns bocadillos, Maia lánzase á procura dun ser de lenda, unha criatura capaz de curar a súa avoa... Poderá atopala?"

Unha avoa que acompaña á avoa, ambas tentan completar o caderno dos animais máxicos do avó. A nena seguindo as instrucións busca a troita perlada porque esas perlas poden curar a avoa, para iso axudará á troita no seu camiño de volta, río arriba. O esforzo da nena, os afectos que a unen aos maiores, un mundo cheo de maxia, un camiño a percorrer...