Amosando publicacións coa etiqueta bruxas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bruxas. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de febreiro de 2024

Inventario de bruxas

Inventario de bruxas da avoa Maruxa está escrito por Ramón D. Veiga e ilustrado por Isabel Muñoz. Publicado na colección Meigas de Minicumio.

Preséntase así: "Con case cen anos, a avoa Maruxa tivo tempo abondo para coñecer ananos, xigantes, cíclopes, atlantes e tamén algunha fascinante bruxa: meigas elegantes; outras, arrepiantes; cun humor brillante; con peor talante… mais ao final todas se facían querer.
Entre viaxe e viaxe, fixo un inventario algo estrafalario, mais aqueladiño, das meigas que foi atopando no camiño.
Cando o rematou, vendeullo a un anticuario e, co que que gañou, mudouse a un balneario. Din que alí segue aínda hoxe Maruxa. Non será ela tamén un pouco bruxa?" "
Un excéntrico inventario. Un orixinal texto rimado cunha alta dose de humor"

Entre tanta historia de bruxas un inventario marabilloso, tal como sintetiza a presentación con moito humor, rima e excentricidade. Un inventario canalla no que textos e ilustracións teñen calidade e con eles imos percorrendo ese itinerario dunha ducia de bruxas, unha por mes. Veiga continúa traéndonos esa poesía infantil con algo de escabroso e escatolóxico, con moita orixinalidade e pouco convencional. Seguro que estas bruxas lles encantan á rapazada!

domingo, 26 de febreiro de 2023

Cantas bruxas...

Cada día aparecen series de bruxas, unhas detrás das outras, na maior parte traducidas, como se a rapazada boa lectora no primeiro tramo de idade (prelectoras e primeiras lectoras), pero sobre todo, no segundo tramo, de lecturas autónomas, non gustase ler doutros temas... como se fose necesario Harry Potter nunha e outra versión feminina. 

Unha destas é Cleo Duflón: outra bruxa novata de Pilar Serrano con ilustracións de Ignacio Hernández, publicada por Minicumio,  que se presenta así: "Cleo é unha nena como todas, quere ir ao cole, xogar e pasar desapercibida. Pero a súa nai dille que ela é unha bruxa, unha bruxa moi especial. Deseguido terá que descubrir cales son os seus dons nunha escola de maxia un tanto particular. Polo camiño atoparase con amigas, conflitos e misterios que con enxeño, intelixencia, empatía e bastante humor terá que resolver. Ás veces dubidará, porque dubidar é bo, pero no seu afán pola verdade e a xustiza levaran a Cleo, a nosa nova bruxa novata, a acadar a solución ao redor dun conflito entre Duflós e Conxuro, as dúas mascotas máis relevantes na súa escola, con un pasado un tanto conflitivo."