Douche a miña palabra é un bo título para falar de lectura e escrita. Unha obra de Fran Alonso que retoma o diálogo cos lectores e lectoras despois de Poetízate. "Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos
neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e
convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia
de sentir a chamada das palabras." Detense o autor o papel de lectorado e autoría, do respecto con que autores/as deben tratar ao lector ou lectora, de como a arte debe axudar a aque nos cuestionemos a realidade, que a literatura nace de quen a escribe e das súas circunstancias, de que ela - a literatura- tamén pode e debe sinalar as inxustizas, a lectura e a escrita como as dúas partes dunha moeda, de como facernos coas palabras, o papel dos premios e as publicacións, o poder das palabras, a invisibilidade da lectora ou lector, a riqueza da lectura que compara con mirar dende unha alta terraza, a lectura como sanación, a poesía como un globo cheo de significados, as emocións que levan as linguas dentro... Dende un principio que comeza: "Eu son escritor, sabes? Sei que o sabes, evidentemente, porque estás a ler un libro que escribín eu" ata o final, cando explica a emoción que sente ao pensar que alguén vai ler o que el escribe e poda lembrar algo do que di, para rematar "Moitas grazas por lelo". É a ilustradora, quen mellor define o libro "Esate escrito ten alma de poema, de reflexión nostálxica, de didáctica amiga"
As ilustracións de Bea Gregores acompañan o texto traendo riqueza propia e metáforas visuais a un texto de non ficción. Os pequenos paxaros vermellos que rodean os papeis escritos e á rapazada, esa casa con tellado de libro (igual que a biblioteca Ánxel Casal) ou pode ser unha tenda de campaña na que nos refuxiamos para ler e contar, os libros dos que caen as palabras como sementes, o mundo creado cun lapis, o neno que coma Principiño le sentado nun planeta, as conversas con globos de letras, os mundos de papel que viven entre nós, a vexetación que vai de lector/a en lector/a, os globos de palabras que nos permiten voar, o idioma coma un acubillo ou unha dor non resolta...
Ningún comentario:
Publicar un comentario