Unha abella máxica no camiño é a terceira entrega da serie de Leopolda Diéguez e Gran Gogol, que comezou con Fred Quincalla, o nómade do mar e continuou con A nena, o monstro e o mar. Da autoría de Teresa González Costa, neste caso está ilustrada por María Brenn.
Nunha encrucillada de camiños Leopolda Diéguez cóntalle a Gran Gogol a historia de Daniel, un neno que quere ser superheroe e para iso usa unha capa e leva un colgante en forma de sol que é un obxecto propio da súa familia. Mentres Gran Gogol ten moitísimo medo pensando que ha ser a duquesa ou El Rei quen os persegue nun cabalo que se achega ao cruce, Leopolda conta tranquila e o relato vaise facendo presente. Daniel poderá superar o seu medo coa axuda de Virxinia, a nena de Vila Ambrosia, namorada de todo tipo de insectos, e xuntos conseguirán salvar as abellas máxicas de Eiramae do super malvado Veltius. Unha historia de afectos envolve a outra, Leopolda conta pero ao tempo agasalla ao seu amigo cun sombreiro porque cando non sabes cando nacestes calquera día estás de aniversario. Ben levada a novela. Unha dúbida, ten sentido que as ilustracións de cada libro da serie as realice unha ilustradora diferente? ten sentido cambiar do actor ao longo dunha serie ou unha novela por entregas? Sinto que despista pasar das imaxes de Marina Seoane e Martín Romero e agora a María Brann, de tal forma, que os personaxes protagonistas non semellan os mesmos... só cabe preguntar se hai algunha razón para isto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario