domingo, 11 de decembro de 2022

Unha nova aventura de María Canosa

Saínza a Punkiereteira de Maria Canosa e Cristian F. Caruncho é unha obra especial na que as ilustracións achegan unha nova estética que de seguro vos vai gustar. Unha nena do monte que vive (ou comparte tempo) coa avoa, empeza nun novo centro e despois de enfrontarse co mangallón - abusón coñece ás que van ser as amigas. Tres rapazas ás que lles gusta a música; con ela formarán un grupo e presentaranse ao festival de comezo de curso. Todo un éxito pero iso non é importante, o que de verdade importa é pasalo ben, crear xuntas letra e música, ensaiar no alboio da avoa, deseñar a roupa que van levar, definir o símbolo e poñerlle nome ao grupo: As punkiereteiras.

De lila porque é a unión do azul e o rosa, que os representa a todos e todas; cun puño no medio da pandeireta, cos zocos que recuperou da avoa... tan distintas e complementándose; sendo quen de enfrontar aos chuletas e, sobre todo, de ser o que queren ser, de facer o que queren facer... 

Unhas ilustracións espectaculares, cunha estética distinta, reivindicativa e chea de mensaxes, pouco convencional, un novo mundo entrando na LIXG da man dunha rapaza con referencias galegas nas paredes do seu cuarto (pegatina de Xermolos, carteis contra as eólicas, de autores/as de cartaces,  ilustracións, murais...), de cómics e libros galegos na súa biblioteca persoal, coa cociña da avoa cos azulexos e a bilbaína... 

Estamos desexando saber algo máis de Saínza, quen son os seus pais? de onde lle veu esta cultura tan propia como anticonvencional? como se chega a ser como é ela? Porque menudo personaxe nos traen María e Cristian... de verdade que llo agradecemos! 

Porque esa nena é unha guerreira, case con lanza, a avoa é de antes e de agora, (acabo de borrar algo que igual non gusta que se diga), as camisetas (con "No son fada", "A banda da Loba)... moito bo facer para que os modelos de nena non se repitan. 

Coma un violinista no tellado, Saínza toca sobr eo lousado do hórreo.

Unha obra publicada por A Costureira, un nome (non sei se algo máis) que nos remite a María Miramontes, esa outra modista que cosía os libros da xeracións Nós da man de Ánxel Casal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario