Un novo álbum de Luz Beloso, O poder máxico do sorriso, da autoría de Thalía Troitiño González e publicado por Galaxia na colección de álbum con pastas brandas. A modo de inventario de sorrisos, de definición de cada un deles, funciona esta historia que nos vai presentando porque cada sorriso (di) é coma un traxe que te colocas. Hainos de ledicia (que vai de orella a orella deixando ver os dentes e engurrando os ollos), o da tristeza (que aparece nas despedidas e non abre a boca), o vergonzoso (lixeiro e con rubor nas meixelas mentres inclina a cabeza), o coqueto (que mira e non mira, que ri e non ri), o falso (no que so ri a boca pero non os ollos), o do medo (cos ollos paralizados) e o do amor (que aparece unicamente con quen queres moito, nas miradas e nas apertas). Ao final, pídeselle ao neno ou nena lectora que debuxe os seus sorrisos na última páxina, así formará parte do libro, pero sobre todo, observará as súas expresións, as súas emocións.
Anunciamos este entrada coa ilustradora, porque Luz Beloso ten un estilo moi especial e recoñecible, que salta sobre calquera outra participación na obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario