xoves, 1 de decembro de 2022

Sobre un acoso, un título contundente: Subnormal

 
Subnormal é a historia do que foi xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, centrada no acoso que sufriu na súa infancia e adolescencia. Para ser vítima de acoso, só é necesario que alguén o queira exercer, sempre hai algunha razón , ninguén está a salvo, pode ser por non ter moi boas notas, por ser distraído, por padecer algún tipo de diversidade funcional... incluso por ser alto. Ese é o caso que nos ocupa, un rapaz demasiado alto para a súa idade ao que acosa un grupo de compañeiros e compañeiras baixo a indiferenza dos demais e do profesorado. Incluso hai profesorado que colabora no acoso deixándoo en ridículo diante dos demais. 

O acoso pode ir dende o psicolóxico ao físico, pode ser máis suave ou máis agresivo, o que é certo é que ese rapaz que é incapaz de contar o que lle pasa para non ver sufrir, tamén, á familia, pode ir pouco a pouco ata a depresión e incluso o suicidio, porque é este o que se presenta na viñeta de inicio do cómic, as ganas de rematar con todo iso para non ter que seguir enfrontando esa situación que semella sen saída.

A banda deseñada que edita Retranca en galego, é da autoría de Fernando Llor e Miguel Porto ao redor da idea do propio retratado. Conta cunha unidade didáctica, elaborada por Uxía Meirama. Baixo o título de Ocultos a plena luz, analiza os implicados: agresor, testemuñas (as que se postulan a favor do agresor, os que o fan a favor das vítimas correndo o risco de converterse en novas vítimas, as que permanecen pasivas e as que que se se definen a favor das vítimas) e vítimas. Analiza tamén o as condutas violentas: verbais, físicas e psicolóxicas, o ciberacoso, o acoso social e o bullying sexual. Estuda o acoso no contexto escolar (convivencia versus violencia), a prevención e o plan fronte ao acoso cos pasos sucesivos e coincidentes. Presenta tamén unha entrevista con Iñaki Zubizarreta na que me chama a atención a oposición entre as palabras "acusón" e "cómplice", así como esas frases que rematan matando "é cousa de nenos" e acaban pasando, mellor non intervir. Esa covardía tamén por parte das persoas adultas, esa vagancia, ese quedar nos contidos académicos deixando ao alumnado nas mans dos viles. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario