Amosando publicacións coa etiqueta relatos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta relatos. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de febreiro de 2025

Castelos de cristal de Sandra Ferreiro García

 

Castelos de cristal de Sandra Ferreiro García aparece publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial: "Noutrora erixíanse brillantes castelos de cristal máis aló do ceo. Agochaban todo tipo de historias e segredos: os contos que a noite recitaba, as lembranzas dalgunha serea, o po das estrelas fugaces... mesmo o cantar das ondas. Mais os castelos de cristal estaban destinados a romper e a caer. Deles xa só quedan fragmentos esparexidos polo mundo e polo tempo, á espera dalgún camiñante que se atreva a internarse no caos e recolla os restos desas historias perdidas.

Sandra Ferreiro constrúe, en Castelos de cristal, uns relatos que invitan á lectura pausada e reflexiva a través dunha prosa poética chea de profundidade e sosego."

Relatos de diferente tamaño cunha boa linguaxe pero nos que boto de menos unha trama máis potente, unha historia máis compacta...

domingo, 14 de abril de 2024

Obra xuvenil traducida por Eduard Velasco

Cabalgaremos toda a noite de Carlota Gurt acadou o premio Mercè Rodoreda 2019. Aparece agora traducida por Eduard Velasco (cunha axuda do Institut Ramón Llul) e publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Carlota Gurt debuta na literatura con Cabalgaremos toda a noite, un talentoso libro que nos achega á liberdade, un abismo de desexos e medos ao que nos asomamos transitando por unha corda frouxa, con personaxes próximos, que poderían ser calquera de nós, cos seus amores e medos. Un avanzar ás escuras cara a metas aparentemente inalcanzables, que ao final non o son. Un traballo cheo de humor, retranca e mala uva, que nos trae sorrisos e desacougos."

Unha colección de relatos, cada un dende un narrador diferentes (primeira ou persoa). Situacións dispares (historias de veciños para visibilizar mundos: un tímido profesor de catalán e unha enxeñeira alemá con clases de lingua e dúbidas ante unha relación que non se define ou a muller e a piscina noutra relación en potencia;  un túnel ao misterio, o encontro de dous seres con deformidades na cara,  unha manada e a vinganza e modo churrasco, a atracción hiperbólica do mar, a máquina borradora, as obsesións levadas ao máximo extremo, aquilo ao que acceden os nenos e lles cambia a visión, 

Case todas protagonizadas por mulleres e case todas cun punto de crueldade e perversión. A busca de situacións radicais nas que a convención desaparece, a dúbida que envolve, as teimas... o surrealismo tocando no cotián. Todo se move na corda frouxa, tal como aparece na imaxe de portada. 

Non vai deixar a ninguén indiferente, porque se trata de historias pouco comúns que poden lembrar outras, por exemplo dentro da literatura xuvenil A soidade das medusas de Iria Collazo.

mércores, 9 de novembro de 2022

Un libro solidario: "Soños de Cajamarca" de Antela editorial

Un libro solidario: "Soños de Cajamarca" de Antela editorial conta con textos dos seuintes autores e autoras: An Alfaya, Miguel Ángel Alonso, Rebeca Álvarez, Concha Blanco, María Canosa, Paula Carballeira, Ramón Caride, Xavier Estévez, Antonio M. Fraga, Antonio García Teijeiro, Carlos Labraña, Iria Misa, Pere Tobaruela e Antía Yáñez. A portada e o marcalecturas é de de Iván R. 

Dende a poesía de Miguel Ángel Alonso, Concha Blanco, Ramón Caride e Antonio García Teijeiro, o teatro de Carlos Labraña e as narracións dos demais que se moven maioritariamente no mundo da fantasía. 

Como mostra, un petisco de Caride:

"O libro

É un paralelepípedo 

-palabra ben rara, 

quen a inventaría?-

con mil follas brancas, 

unha riba doutra,

por elas camiñan

letras en rigleiras, 

coma formiguiñas 

carrexando historias."

Así se presenta: "Soños de Cajamarca reúne nun só volume catorce relatos de Literatura infantil e xuvenil obra de destacados autores do noso panorama nacional. A través das súas verbas coñeceremos historias fantásticas que farán voar a nosa imaxinación á vez que alentan as ilusións de centos de nenas e nenos que residen en apartadas rexións dos Andes, no Perú. Porque este proxecto colectivo nace con alma solidaria: apoiar o traballo que a ONG Aulas Abiertas está a levar a cabo no país andino a través da cesión de tódolos beneficios que os escritores participantes perciban por esta obra."

martes, 21 de setembro de 2021

Da poesía á narrativa

Carlos Negro, o poeta, acaba de publicar un libro de relatos de medo na colección Fóra de xogo, Non cantan paxaros neste bosque. Malo que non o fagan, porque cando os paxaros calan... faise presente o misterio.

O autor coñece aos adolescentes, ao lectorado mozo, por iso foi quen de publicar os libros de poemas que embarcaron a moitos e moitas delas na poesía; unha poesía con contido (sempre o ten, non?) pero tamén cunha temática e uns valores que resultan de imprescindible tratamento nesas idades (e noutras). Esconxuros e mortos, cheiros fétidos que traen o que non quixeramos coñecer, casas embruxadas ou que cargan cunha desgraza ao lombo, xogos habitados por malignos, voces que nos chaman dende o máis alá, outras realidades que de pronto se atopan coa nosa, o acoso sempre presente, casas de indianos cos seus segredos traídos de afastadas terras, enerxías e forzas  coas que é mellor non toparse, mortos que non queren irse sós, animais que nos pasan de producir asco a asustar, mulleres apoiándose a través dos séculos...no alén visitándonos ou, máis ben, aqueles que non dan pasado do aquén ao máis alá e o relato continúa.