Contos de seu de Xosé Tomás publicado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega é unha homenaxe e Fole, ao seu mundo, á súa maneira de contar. Un libro composto por dez contos e un epílogo ou varios cómics. O seu autor explica que "non é un libro sobre Ánxel Fole, nin unha versión en banda deseñada dos seus contos. Trátase, pola contra, dunha obra resultante dun pouso que queda tras a súa lectura. Son historias que beben do seu ambiente, do seu cheiro, da súa retranca e do seu misterio. (...) Falan de personaxes que resolven dende a idiosincrasia propia, que non miran a realidade dunha maneira plana, senón sempre de maneira poliédrica. Personaxes que responden á dureza da vida con humor, coa aceptación intelixente do inevitable, cunha atitude de supervivencia, no fondo, e de creatividade e enxeño. Falan tamén de ambientes, de costumes, de lugares, de maneiras de relacionarse, e duns tempos vitais moi diferentes das présas actuais. Un tempo de pouso, que permite feccionarse á lectura mentres as vacas pacen, solucionar un problema na espesura da noite, ou maquinar crimes dende a serenidade e a paciencia. Ese tempo sen tempo que esculpe o arácter na infancia, que resulta tan necesario para labrar persoas donas de si."
Ninguén o pode explicar mellor. Só hai que lelo, entrar en cada unha das historias e gozar deste privilexio de ter bos contadores en diferentes códigos pero cos pés na propia terra, alí onde é posible medrar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario