Unha nova entrega desta serie de Ledicia Costas que tanto gusta ao lectorado autónomo. A señorita Buble. Deus salve as raíñas está publicado por Xerais e ambientado na corte británica ata na presentación da autora e ilustrador (Andrés Meixide).
Así se presenta: "A señorita Bubble recibe unha carta de Isabel II e ten que viaxar de inmediato ao Palacio de Buckingham. A raíña está en problemas: hai unha invasión de ratas na cidade de Londres. Conseguiron entrar no palacio e roubaron unha das pezas máis valiosas da colección de Isabel II. Os roedores actúan baixo as ordes de Jack White, un cazador de ratas que conseguiu adestralas coa intención de dominar o Reino Unido. A inventora vai ter que despregar todo o seu enxeño para recuperar a peza roubada e tamén para que a paz regrese a Londres. Mais non o vai ter nada doado."
Non, volver a Londres é reencontrar o pasado, ese "accidente" no que perdeu un ollo e un brazo, ese irmán que non é amigo... pero tamén a raíña e a xente que traballa no pazo, o laboratorio que sempre foi dela, a presenza da raíña dos británicos recentemente falecida... Están as ratas e todo ese mundo ao redor delas. Está o respecto por todos os seres vivos que sente a señorita Buble e o seu fillo Vincent (ese neno feliz que forma unha familia perfecta con Buble), están os inventos e as solucións que sempre estiveron a man. Unha nova aventura que non vai defraudar a ninguén, porque nela recobramos esa atmosfera que para nós creou Ledicia Costas, ese universo no que a bondade loita por seguir viva.
As ilustracións de Andrés Meixide cumpren marabillosamente ese papel acompañante, ese complemento que alimenta a historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario