Fíxoo Fina Casalderrey con Mozart en O xenio da Cidade do Sal, ilustrado por Xosé Cobas e cun CD, coordinado e interpretado polo frautista Luís Soto e publicado por Xerais.
Agora escribe Suso de Toro, tamén para Xerais co mesmo ilustrador e coa música incorporada de Fisión Atlántica Ensemble dirixida por Luís Soto cos cuartetos de F.J. Haydn e as Danzas de Reis de Guláns. Trátase de O segredo de Joseph Haydn, tamén publicado por Xerais.
Preséntase así: "Suso de Toro relata un episodio descoñecido até o momento da biografía de Joseph Haydn: un desvío da ruta que o levaba a Londres e que lle permitiu coñecer o reino galego. Haydn descobre a nosa gastronomía, a nosa lingua, a música que se tocaba naquel momento en Compostela, e tamén deixa a súa influencia nos músicos do momento. Un acontecemento que imprimiu unha pegada sentimental na memoria do gran compositor. Todo o que relata o autor conta con documentación da época, excepto a propia visita do músico, da cal non hai constancia certa."
O autor trae ao músico alemán á xeografía galega, faino desembarcar en Carril, navegar ata Cesures e visitar Compostela onde coñecerá a Melchor Díaz o mestre de capela. Son os tempos de Haydn pero tamén dos mozos Mozart (que fai un "cameo" na obra) e Beethoven. Tempos de Napoleón e a campá Berenguela. Dar voltas por Galicia nun tempo que non está recollido nas biografías, probar a nosa cociña, compartir a música dos grandes compositores coa popular, permitir que o este actúe coma un neno: escoitando novas músicas, deixándose engaiolar pola tonadas populares que o inspiran, pola rapazada porque está nos días da volta á infancia con toda a ilusión nos sentidos e nanorándose dunha muller... O enoresario que o acompaña na aventura e nola conta remata preguntándose "E haberá naquela aldea un mozo ou unha moza que na cara se imite a Haydn?"
As reflexións de Herr Salomón, o músico metido a empresario que pon o acento na cuestión monetaria e o sentido común acomapañan ao vello mestre que goza dunha vida nas terras afastadas de Galicia, ás que chega por casualidade para ver o péndulo e o pórtico, coñecer o Sar e as nosas núsicas, as badaladas acompañando a chuvia... un mundo antigo que non poderá esquecer por moitos que sexan os éxitos nas cortes de Europa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario