De Rafael Quintiá era tamén A moura que creou o mundo. O mito galego da creación con ilustracións de Miguel Peralta de Cestola na cachola. Agora presenta O desencantamento. Unha historia de valor e decisión, publicado por Miudiño.
Conta que "Brais é un rapaz coma calquera outro rapaz dunha aldea galega. As fins de semana adoita ir co gando a un lugar chamado “Outeiro das Mouras”. Era un lugar estraño, con penedos cheos de debuxos gravados…Quen serían esas mouras que lle daban nome ao lugar?
A poética narrativa de Rafael Quintía xunto as fermosas ilustracións de Miguel Peralta, fan deste un libro único, unha marabilla para os sentidos de nenos, nenas, vellos e vellas que queiran gozar da reconexión coa tradición oral e a mitoloxía galega.
Dende a fermosura narrativa da tradición oral, a colección “Os contos da Moura” busca xerar un novo espazo para a posta en valor da nosa mitoloxía, dos contos e lendas repartidos por todo o territorio galego.
“O desencantamento” é ademais unha co-edición realizada entre Ab Origine SLL e Miudiño S.Coop Galega, colaborando exclusivamente con empresas da economía social de Galicia, mostrando que a través da cooperación podemos conseguir resultados orixinais e de alto valor engadido. Desta volta, acompañados por Cestola na Cachola, Catro Ventos e Gráficas Anduriña"
Unha lenda e unha ilustración que funciona moi ben agás á hora de colocar zocas en vez de zocos á criatura. Unha ensinanza ou varias: que todo o mundo merece unha segunda oportunidade, ás veces para conseguir o que máis desexas tes que vencer primeiro os teus temores, que na vida non hai que ter medo a enfrontarse ao descoñecido e que cando desexas algo debes ir por iso sen medo e confiando no que es e no que podes facer...
Ningún comentario:
Publicar un comentario