sábado, 18 de maio de 2024

Novela xuvenil: Setestrelo

Setestrelo de Manuel Esteban está publicada en Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "Xano está a piques de facer doce anos e sente que non encaixa en ningures. Que o seu reloxo interior xira en sentido oposto ao do resto da xente. Que non sabe como abrir a porta que conduce ao mundo dos adultos. A súa avoa Asteria deixoulle, antes de morrer, un misterioso agasallo de aniversario que o levará ata o centro mesmo da Vía Láctea. Alí descubrirá que posúe un don. Que ser diferente o converte, precisamente, nun Abreportas. Setestrelo é un libro de transición entre o mundo irreverente da nenez e o territorio sufocado da adolescencia. Un libro sobre a procura da identidade e a dificultade que teñen os adultos para aceptar todo o que se afaste do normativo. Un libro para lembrar que, malia todo, sempre é posible escoller quen somos."

Fantasía mesturada con informática. Mundos que nun momento determinado entran en contacto. Tres rapaces diferentes, tres seres acosados na escola, tres persoas dispostas a dar a batalla por salvar mundos. A casa da avoa. A nai e a irmá, unha adolescente gótica que só a ven para berrarlle; un pai desaparecido (xa empezan a verse demasiados, como se a república bananera o fose cada vez máis). A relación interxeracional de avós e netos achegando aquilo que se precisa. Un mundo de estraños seres ou estrelas (ou o que sexa) que pode lembrar algo as películas galácticas con esas tabernas nas que o difícil é atopar a alguén semellante a ti, pero aquí esaxerado a grao sumo. 

Unha lección: só nos poderán salvar os inocentes, os demais están noutra cousa... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario