Amosando publicacións coa etiqueta Relacións interxeracionais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relacións interxeracionais. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de maio de 2024

Novela xuvenil: Setestrelo

Setestrelo de Manuel Esteban está publicada en Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "Xano está a piques de facer doce anos e sente que non encaixa en ningures. Que o seu reloxo interior xira en sentido oposto ao do resto da xente. Que non sabe como abrir a porta que conduce ao mundo dos adultos. A súa avoa Asteria deixoulle, antes de morrer, un misterioso agasallo de aniversario que o levará ata o centro mesmo da Vía Láctea. Alí descubrirá que posúe un don. Que ser diferente o converte, precisamente, nun Abreportas. Setestrelo é un libro de transición entre o mundo irreverente da nenez e o territorio sufocado da adolescencia. Un libro sobre a procura da identidade e a dificultade que teñen os adultos para aceptar todo o que se afaste do normativo. Un libro para lembrar que, malia todo, sempre é posible escoller quen somos."

Fantasía mesturada con informática. Mundos que nun momento determinado entran en contacto. Tres rapaces diferentes, tres seres acosados na escola, tres persoas dispostas a dar a batalla por salvar mundos. A casa da avoa. A nai e a irmá, unha adolescente gótica que só a ven para berrarlle; un pai desaparecido (xa empezan a verse demasiados, como se a república bananera o fose cada vez máis). A relación interxeracional de avós e netos achegando aquilo que se precisa. Un mundo de estraños seres ou estrelas (ou o que sexa) que pode lembrar algo as películas galácticas con esas tabernas nas que o difícil é atopar a alguén semellante a ti, pero aquí esaxerado a grao sumo. 

Unha lección: só nos poderán salvar os inocentes, os demais están noutra cousa... 

martes, 24 de agosto de 2021

Dunha editora

 


O misterioso sorriso de Lucas con texto de Carmen Gil e ilusyracións de Silvia Álvarez, traducido por Iolanda Mato.

Da presentación editorial: "Nunha cidade afastada, alá onde nacen os ecos e caen as estrelas fugaces, ten lugar un misterio máis grande que un campo de margaridas ou que un ceo sen nubes. É o misterio do sorriso de Lucas, que se debuxa na súa cara de día e de noite, no verán e no inverno, os 365 días do ano. Bo, 366 osbisiestos. Científicos de todo o mundo acoden a estudar o fenómeno sen éxito. Cal será a causa de tan luminosa e enigmático sorriso? Quen conseguirá por fin desvelar o secreto marabilloso que se esconde tras ela?"

É moi doado, moito: ese sorriso nace de compartir, de lerlle a outro, de recoller a súa risa e levala ao corazón para poder ver a parte bonita de todo o que sucede. O sorriso vén de compartir tempo cos outros, cos avós que no seu sorriso mostran a experiencia e o amor á vida. Unhas ilustracións plenas de ceras, con cores e figuras tropicais, que van deixando pasar polas páxinas a Lucas sorrindo.

A troglodita de Paula Merlán con ilustracións de Gómez e tradución de Iolanda Mato. Estamos na prehistoria, polo tanto as palabras terán que ser as axeitadas. Unha parella, ela pinta, ve que precisan pintores para covas e presenta o currículum e acéptana... como o traballo queda lonxe terán que mudarse, el está encantado, quedará facendo o traballo doméstico mentres ela se converte nunha muralista.

domingo, 11 de xullo de 2021

Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

O Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil está convocado polo Concello de Pontevedra, a editorial Cuarto de inverno e o Salón do Libro.

Van alá tres edicións. Antonio Manuel Fraga foi o gañador da primeira edición en 2018 con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa. O xurado valorou a fortaleza das personaxes femininas e o feito de introducir o bestiario máxico galego nun contexto histórico. O II premio, de 2019, foi para Beatriz Maceda Abeleira; as persoas integrantes do xurado destacaron, no texto titulado Ardora, "o compromiso que no traballo se mantén co ecoloxismo e tamén co público potencial: lectores que aínda se atopan durante os seus primeiros anos da adolescencia". O III Premio foi para Lorena Conde por Velloucas e minchas; o relato ten como protagonistas a cinco mulleres, dúas adolescentes e tres anciás, e a trama comeza cando unha das mozas ten que ir vivir coa súa avoa para, xuntas, enfrontarse e resolver os problemas de cada unha.

Así se recolle na contracuberta: Despois do “suceso”, a Sofía non lle queda outra que ir pasar parte do verán ao piso da súa avoa Rosa en Veigamoa, onde parece que nunca acontece nada. Unha vez alí, a rapaza decátase de que o ambiente na vila está enrarecido, de que a xente escapa da súa avoa e das súas amigas cando van pola rúa, de que reciben chamadas telefónicas no medio da noite e de que sofren actos vandálicos no edificio. Coa mosca detrás da orella, Sofía decide pescudar. Non lle gusta nada o que descobre, se hai algo que non pode soportar, son as inxustizas. Coa axuda da súa mellor amiga, Gabri, e as boas persoas da vila, trata de resolver o sarillo no que está metida a avoa Rosa e máis as súas amigas e veciñas Gloria e Lita. Conseguirano?

As que andan polo final do vida teñen experiencia e as preadolescentes intuición, hai quen dea máis? quen vai poder con elas? Ademais, os abusóns non o son só nun espazo determinado, nun ámbito especial... tenden a actuar mal sempre que poden, polo tanto será maís doado lograr vencelos, sobre todo contando coa axuda de Antón, un rapaz ao que a vida tampouco tratou demasiado ben pero que está disposto a colaborar coa xustiza (aínda que sexa coa poética).