Cicuta para dous de Rocío Leira acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na última convocatoria.
Así se presenta: "«Búscase persoa curiosa para resolver crime que aínda non se cometeu.» A aparición desta mensaxe na sección de anuncios por palabras dun xornal esperta a atención de Erundino Terrón, un filósofo solitario e rosmón. Xunto coa súa secretaria Irma, verase inmerso nunha investigación contra o reloxo que o levará a desentrañar as mensaxes cifradas que chegan cada mañá nas páxinas do diario.Unha investigación chea de humor e intriga que che descubrirá a cara máis sorprendente da filosofía e na que, buscando respostas, tan só atoparás preguntas."
Resultoume sorprendente porque a pesar da presentación agardaba o libro dunha matemática e atopei o dunha filósofa. Esas liñas invisibles que van das ciencias ás letras, da filosofía á matemática crúzanse pola vía da abstracción por medio de paradoxos que xogan co absurdo pero, sobre todo, co pensamento. A curiosidade, a busca da verdade e do coñecemento. Un percorrido polos filósofos antigos e polas anécdotas nas que se viron envoltos, para aterrar na actualidade. A relación entre un home solitario e "artista contemporáneo" nesa obsesión polo saber que só pode traer consigo o xogo con conceptos, seguramente sen resolución ou realización plástica na práctica. Un home ao que non podemos chamar ocioso porque vai á oficina coma un burócrata calquera a traballar "no seu", que conta cunha secretaria da que non se entende moi ben o papel (máis alá de xestionar as conferencias que lle aparecen ao Erundino) ou darlle o contrapunto ao xefe. Pois el, gris, está fronte a unha muller que se preocupa polo físico (como corresponde a unha secretaria, pode comentar alguén? pero ninguén a ve máis ca el...), a unha muller que le revistas do corazón e semella non poder darlle nivel á súa conversa, nin ideas (máis alá de ver o seu mundo dende fóra), unha muller que segundo imos lendo nos primeiros capítulos é menosprezada por el... pero o final vai resultar sorprendente, porque as cousas non sempre son como parecen e, por veces, o destino xoga contra nós.
Gustosa de ler. Unha novela que achega a filosofía ao lectorado novo e que pode dar moito que falar porque nas esquinas, nas dobreces hai moito que descubrir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario