Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Cobas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Cobas. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de xaneiro de 2025

Unha nova versión de Filla das ondas

 

Filla das ondas é un libro de Fina Casalderrey que tivo unha primeira versión publicado polo concello de Pontevedra en 1999 con ilustracións de Xosé Chavete.

Aparece así reseñado na galipedia: "Froiaz é un neno que se acaba de mudar a Pontevedra xunto co sei pai e a súa nai. Vive fronte á capela da Peregrina, e escríbelle ao seu amigo contándolle que non lle gusta a cidade. P ero todo vai mudar cando na noite de San Xoán, con lúa chea, tras escoitar unha voz cantar, asomouse á ventá e viu unha nena xogando, que o animou a baixar. A nena, Mariña, lévao de paseo pola cidade. Mariña é quen de transportalo a través do espazo e do tempo, e de facelo invisible se lle dá a man. Porén, Mariña debe mollarse cada pouco tempo con auga salgada, pois é unha serea, e se non o fai converterase nunha pedra. No paseo, coñecen ao loro Ravachol e ao seu propietario, Perfecto Feijoo. Despois pasan pola praza da Ferrería e polo convento de San Francisco, onde está soterrado Paio Gómez Chariño. Pasan por diante do museo de Pontevedra e pola praza da Verdura, onde se instalou en 1888 a fábrica de luz. Tamén pasan polo Teatro Principal e coñecen a Castelao, Alexandre Bóveda, Casto Sampedro, Manuel Quiroga e Benito Soto. Finalmente, pasan a carón da Basílica de Santa María, e falan de Colón e do barrio da Moureira. 

A obra conta con dous personaxes imaxinarios, un neno humano e unha nena filla do Mar e da Ría. Amais, conta con múltiples personaxes reais de diversas épocas de Pontevedra. Está en terceira persoa con narrador omnisciente." 

Agora, aparece reeditado por Kalandraka con ilustracións de Xosé Cobas no seu estilo característico o que os edificios adquiren un protagonismo especial e as augas se fan presentes; un volume en gran tamaño e con tonalidades que xiran ao redor do amarelo e o ocre. Unha nova vida para esta obra que nos presenta unha cidade que non deixa indiferente.

Da presentación editorial:"Unha forma diferente de coñecer Pontevedra, a súa historia, as súas lendas e o seu patrimonio, a través do misterio e da aventura."

luns, 20 de maio de 2024

Libros de músicos

Fíxoo Fina Casalderrey con Mozart en O xenio da Cidade do Sal, ilustrado por Xosé Cobas e cun CD, coordinado e interpretado polo frautista Luís Soto e publicado por Xerais. 

Agora escribe Suso de Toro, tamén para Xerais co mesmo ilustrador e coa música incorporada de Fisión Atlántica Ensemble dirixida por Luís Soto cos cuartetos de F.J. Haydn e as Danzas de Reis de Guláns.   Trátase de O segredo de Joseph Haydn, tamén publicado por Xerais.

Preséntase así: "Suso de Toro relata un episodio descoñecido até o momento da biografía de Joseph Haydn: un desvío da ruta que o levaba a Londres e que lle permitiu coñecer o reino galego. Haydn descobre a nosa gastronomía, a nosa lingua, a música que se tocaba naquel momento en Compostela, e tamén deixa a súa influencia nos músicos do momento. Un acontecemento que imprimiu unha pegada sentimental na memoria do gran compositor. Todo o que relata o autor conta con documentación da época, excepto a propia visita do músico, da cal non hai constancia certa."

O autor trae ao músico alemán á xeografía galega, faino desembarcar en Carril, navegar ata Cesures e visitar Compostela onde coñecerá a Melchor Díaz o mestre de capela. Son os tempos de Haydn pero tamén dos mozos Mozart (que fai un "cameo" na obra) e Beethoven. Tempos de Napoleón e a campá Berenguela.  Dar voltas por Galicia nun tempo que non está recollido nas biografías, probar a nosa cociña, compartir a música dos grandes compositores coa popular, permitir que o este actúe coma un neno: escoitando novas músicas, deixándose engaiolar pola tonadas populares que o inspiran, pola rapazada porque está nos días da volta á infancia con toda a ilusión nos sentidos e nanorándose dunha muller... O enoresario que o acompaña na aventura e nola conta remata preguntándose "E haberá naquela aldea un mozo ou unha moza que na cara se imite a Haydn?" 

As reflexións de Herr Salomón, o músico metido a empresario que pon o acento na cuestión monetaria e o sentido común acomapañan ao vello mestre que goza dunha vida nas terras afastadas de Galicia, ás que chega por casualidade para ver o péndulo e o pórtico, coñecer o Sar e as nosas núsicas, as badaladas acompañando a chuvia... un mundo antigo que non poderá esquecer por moitos que sexan os éxitos nas cortes de Europa.