Soño dunha sombra é a última proposta de Xosé Cobas. Un fermoso álbum editado por Kalandraka para todos os públicos. Un libro silente ao que lle pon voz Manuel Rivas con tradución ao castelán e inglés.
Así se presenta: "Un álbum sobre a luz e o tempo para os amantes da arte, cun brillante epílogo do escritor Manuel Rivas."
Pastas negras, coa elegancia por bandeira. Primeiras gardas cunha pequena luz que se vai ir agrandando ata descubrir que se trata dunha porta de cristal; modernista, por máis señas. Entramos por ela e imos percorrendo a casa só habitada por unha pega, as portas ábrense e ás veces entórnanse para manter o misterio, o xogo de luces e sombras. O valor da escaleira pola que se sube e se baixa ata chegar ao recibidor, de novo, agora habitado con flores no búcaro. Saír ao xardín e ver a casa dende fóra, xa completa, ir separándose mentres se fai pequena.
Di Riuvas que o Soño dunha sombra é o humano. Cobas dedícalle a obra aos tataravós dos seus netos que acordaron en 1953 facer desta casado Soño dumbra Sombra o seu fogar; e enbgade que nela continúa a súa descendencia ata o día de hoxe. Unha obra elaborada en doce anos, de 2013 a 2025. Unha homenaxe a unha casa.
En momentos coma estes botamos de menos ao seu amigo Docampo, aquel do que sempre dixemos que era a parella en texto porque ambos tiñan unha comunión perfecta á hora de escribir e ilustrar. El teríalle feito o conto da casa e o texto de Rivas seguiría sendo necesario para situala no "refuxio de horizontes".
Todas as casas con alma deberían ter un cronista como esta o ten. Porque se existen os retratos artísticos de personaxes tamén deberían existir os das casa, máis alá dos que fai unha empresa dende o ceo, máis alá dos que fai o fotógrafo para o carné...
