xoves, 30 de xaneiro de 2025

Unha nova versión de Filla das ondas

 

Filla das ondas é un libro de Fina Casalderrey que tivo unha primeira versión publicado polo concello de Pontevedra en 1999 con ilustracións de Xosé Chavete.

Aparece así reseñado na galipedia: "Froiaz é un neno que se acaba de mudar a Pontevedra xunto co sei pai e a súa nai. Vive fronte á capela da Peregrina, e escríbelle ao seu amigo contándolle que non lle gusta a cidade. P ero todo vai mudar cando na noite de San Xoán, con lúa chea, tras escoitar unha voz cantar, asomouse á ventá e viu unha nena xogando, que o animou a baixar. A nena, Mariña, lévao de paseo pola cidade. Mariña é quen de transportalo a través do espazo e do tempo, e de facelo invisible se lle dá a man. Porén, Mariña debe mollarse cada pouco tempo con auga salgada, pois é unha serea, e se non o fai converterase nunha pedra. No paseo, coñecen ao loro Ravachol e ao seu propietario, Perfecto Feijoo. Despois pasan pola praza da Ferrería e polo convento de San Francisco, onde está soterrado Paio Gómez Chariño. Pasan por diante do museo de Pontevedra e pola praza da Verdura, onde se instalou en 1888 a fábrica de luz. Tamén pasan polo Teatro Principal e coñecen a Castelao, Alexandre Bóveda, Casto Sampedro, Manuel Quiroga e Benito Soto. Finalmente, pasan a carón da Basílica de Santa María, e falan de Colón e do barrio da Moureira. 

A obra conta con dous personaxes imaxinarios, un neno humano e unha nena filla do Mar e da Ría. Amais, conta con múltiples personaxes reais de diversas épocas de Pontevedra. Está en terceira persoa con narrador omnisciente." 

Agora, aparece reeditado por Kalandraka con ilustracións de Xosé Cobas no seu estilo característico o que os edificios adquiren un protagonismo especial e as augas se fan presentes; un volume en gran tamaño e con tonalidades que xiran ao redor do amarelo e o ocre. Unha nova vida para esta obra que nos presenta unha cidade que non deixa indiferente.

Da presentación editorial:"Unha forma diferente de coñecer Pontevedra, a súa historia, as súas lendas e o seu patrimonio, a través do misterio e da aventura."

Ningún comentario:

Publicar un comentario