venres, 17 de xaneiro de 2025

Un libro que son dous: Xosé Tomás

Sete días con Lía ou Sete días con Leo é o título, porque cada historia ten o seu título e a súa cuberta. Unha empeza por un lado e outra polo outro. Un protagonista, unha protagonista; unha historia nun lugar en paz e outra nun lugar en guerra, é dicir, nun campo de refuxiados que é a consecuencia dunha confrontación bélica. A historia dunah semana, dos sete días dunha semana. Unha historia interxeracional porque Lía fala de seu avó e Leo fala da súa avoa. 

As bolboretas van dunha a outra historia, da de Lía que vive na aldea e á que lle gusta ir co avó cando leva as ovellas a pastar porque daquela párase o tempo, porque o avó mantén a esperanza na familia para que Lía e súa nai non caian na tristeza pola perda do pai, cando se aburre el faille descubrir todas as marabillas que hai ao redor, xoga cos curáns de sube ao monte coa nai "porque hai que gañar á escuridade" o que se demostra cando o avó lle demostra que detrás das nubes está o sol. A avoa de Leo tamén llo di o domingo despois de que os tan agardados papeis cheguen para poder comezar de novo, levan dous anos e medio no campo de refuxiados. a avoa dálle seguridade porque mantén a fortaleza; ela é o pasado e o presente e cando conta contos deixas de escoitar as balas, el nunca se aburre nese lugar pero ve aos adultos coma zombis, agardando...  

Nas gardas iso que as une: as bolboretas, nos fondos a presenza maioritaria dunha cor: verde na de Lía e crema para representar a area na de Leo. Unha ensinanza: aínda nas mellores condicións, as vidas dos nenos non sempre son doadas; aínda nas peores circunstancias, as crianzas atopan motivos para a felicidade. Outra: os avós e as avoas son referencias básicas ás que asirse, sempre están aí para eles e para elas, lembrándolles de onde veñen, poñéndoos en contacto coa tradición e cos soños, son quen de curarlles as feridas... porque, quen mira como un avó ou coma unha avoa?   

No campo de refuxiados e na súa escola, faltan moitas cousas pero é divertida porque non todo depende dos recursos, non, hai outros aspectos a ter en conta.

Da presentación editorial:"A vida é ben distinta se a vives nun país en paz ou nun país en guerra, na túa casa ou nun campo de refuxiados, pero os seres humanos somos iguais esteamos onde esteamos. En “Sete días con Leo/ Sete días con Lía” terás dúas historias paralelas pero ben diferentes."

Xosé Tomás escritor cóntannos a historia, o Xosé Tomás ilustrador faino doutra maneira, escollendo as cores e as imaxes, indo máis alá do que se conta colocando un espírito na mesa ao lado dunha muller, triste pola dó e incapaz de comer, mostrando a fermosura da natureza cando é preciso, colocando as omnipresentes bolboretas ou os avións de papel que semellan voar dunha a outra historia... Aí está a man que nos leva polas historias que hai que ler porque levan reflexión sobre a rapazada e sobre o tepo que vivimos, porque mostra respecto polas crianzas que, como el e Miguel Vázquez Freire contan, son pequenas pero non bobas, porque lle importan!

Ningún comentario:

Publicar un comentario