Amosando publicacións coa etiqueta Serie Curriño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serie Curriño. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de febreiro de 2026

Nova entrega da serie Curriño

Curriño. Salchichas picantes de Ledicia Costas dálle continuidade á serie de Curriño, o can que pasa mil vicisitudes. Despois de Curriño.  O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo aos que nos temos referido neste blog.  Faltaría aí Fama ou fuga. 

Da presentación editorial: "Un novo título da saga infantil de Ledicia Costas, protagonizada por Curriño: o can influencer máis famoso de internet. A vida no parque é xenial... ata que alguén decide deixar trampas para cans. Gordon come unha salchicha envelenada e Curriño e a súa cuadrilla póñense a investigar para descubrir quen está detrás do terrible acto, mentres adoptan un gato que quere ser can. Quen odia tanto os cans como para envelenalos? Curriño e os seus amigos darán localizado o culpable? E o máis importante: a vida de Gordon corre perigo. Logrará recuperarse?" 

Esa cría de gato que se achega á panda de cans pedindo que o adopten e tenta parecerse a el, en todo. Comicidade desa relación que os leva a chamarlle Guau por non poñerlle Gaticán.  Medo, o que sinte Curriño cando descobre quen anda polo parque e o que pretende. Bondade, a da muller que lles axuda a curar a Gordon despois do envelenamente e lles fai unha proposta moi a ter en conta ao final... Unha historia que camiña con moitos ingredientes que pasan polas diferentes personalidades de cada personaxe, polas intervencións de Superferolítica, o parásito ao que lle sobra sentido material, como corresponde a alguén da súa condición. Esa maneira de levarse ben a pesar das diferenzas e incluso dos intereses de cada un deles... A crítica ao mundo dos influencers e as súas mañas. A crueldade infantil (que tamén existe) e a inocencia dos adultos que non caen na conta de con quen conviven e o que permiten por andar cegos de afecto. Unha lectura doada e rápida que pon no centro da historia o mundo animal, tal como facía María Victoria Moreno e fai Eva Mejuto.  

Animais si, mascotas si pero con condicións!