Curriño. Salchichas picantes de Ledicia Costas dálle continuidade á serie de Curriño, o can que pasa mil vicisitudes. Despois de Curriño. O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo aos que nos temos referido neste blog. Faltaría aí Fama ou fuga.
Da presentación editorial: "Un novo título da saga infantil de Ledicia Costas,
protagonizada por Curriño: o can influencer máis famoso de internet. A vida no parque é xenial... ata que alguén decide deixar trampas para
cans. Gordon come unha salchicha envelenada e Curriño e a súa cuadrilla
póñense a investigar para descubrir quen está detrás do terrible acto,
mentres adoptan un gato que quere ser can. Quen odia tanto os cans como
para envelenalos? Curriño e os seus amigos darán localizado o culpable? E
o máis importante: a vida de Gordon corre perigo. Logrará recuperarse?"
Esa cría de gato que se achega á panda de cans pedindo que o adopten e tenta parecerse a el, en todo. Comicidade desa relación que os leva a chamarlle Guau por non poñerlle Gaticán. Medo, o que sinte Curriño cando descobre quen anda polo parque e o que pretende. Bondade, a da muller que lles axuda a curar a Gordon despois do envelenamente e lles fai unha proposta moi a ter en conta ao final... Unha historia que camiña con moitos ingredientes que pasan polas diferentes personalidades de cada personaxe, polas intervencións de Superferolítica, o parásito ao que lle sobra sentido material, como corresponde a alguén da súa condición. Esa maneira de levarse ben a pesar das diferenzas e incluso dos intereses de cada un deles... A crítica ao mundo dos influencers e as súas mañas. A crueldade infantil (que tamén existe) e a inocencia dos adultos que non caen na conta de con quen conviven e o que permiten por andar cegos de afecto. Unha lectura doada e rápida que pon no centro da historia o mundo animal, tal como facía María Victoria Moreno e fai Eva Mejuto.
Animais si, mascotas si pero con condicións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario