mércores, 18 de febreiro de 2026

Unha banda deseñada que nos trae a historia de Margot Sponer

Margot Sponer lingüista alemá, autora da tese de doutoramento Altgalizische Urkunden. Documentos Antiguos de Galicia, foi unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Aquí cóntase a súa historia con guión de Óscar Losada e ilustración de Alba Ceide. Unha realización especial para contar a historia desta investigadora que viaxa por Galicia e remata desaparecida despois de ser detida polas SS.

Houbo mulleres a principios do século pasado que viaxaron por Galicia para coñecer o país (como Ruth Matilda Anderson) e a súa fala (como Margot Sponer). O país e as súas manifestacións culturais resultoulles interesante a estudosas de fóra que deixaron o seu testemuño en imaxes e textos.

Anteriormente, publicouse o ensaio de Laiovento sobre esta filóloga, realizado por Antón Figueroa que recolle a importancia do seu traballo "Con esta súa tese e como membro do Romanisches Seminar da Universidade de Berlín, Margot Sponer apoiou a homologación da lingua galega como obxecto da ciencia filolóxica europea e contribuíu á internacionalización da nosa cultura como tradición de dignidade dende a Idade Media." A obra "trataba de mostrar  a súa forza como persoa, como investigadora e como muller e de reivindicar para a tradición galega a súa memoria2.

Neste caso, en A tese de Margot, cóntase a biografía de Margot Sponer que realiza a primeira tese de doutoramento sobre o galego. Unha autoedición, que se presenta así. 

"Argumento:

En 1926, a filóloga alemá Margot Sponer viaxa a Galicia para investigar a lingua galega, mergullándose na cultura local e coñecendo as súas xentes. A súa tese de doutoramento fai dela unha pioneira na historia do noso idioma.

Neste cómic acompañamos a Margot nas súas andainas por Galicia, onde forxa amizade con figuras da Xeración Nós, e coñeceremos os posteriores acontecementos vividos no seu país coa presenza constante do nazismo, que empregou os Xogos Olímpicos de Berlín 1936 como un lugar de propaganda do réxime.

A vida de Margot, que deu clases na universidade de Berlín, é unha historia inspiradora que reivindica o labor profesional e valentía dunha muller afouta."

Dá tristeza pensar que unha obra, dirixida á infancia, para que coñezan a vida desta muller e o seu traballo de apoio á nosa lingua, deba ser autoeditada... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario