A gran fuxida de Xosé Tomás é un álbum ilustrado publicado por Belagua
Da presentación editorial: "Que ocorre na cidade mentres todo o mundo dorme? Que misterio agocha a noite? Algo incrible está a piques de suceder!"
Múltiples onomatopeas e letras de diferentes tipo e tamaño para introducir aos primeiros lectores neste relato. Unha historia que comeza no silencio da noite xusto antes da amanecida, no zoo. O gorila pon en marcha o plan de fuxida ao romper os barrotes da súa xaula, libera a familia de elefantes que non deben barritar, a xirafa dende o alto controla a operación, saen os chimpancés que rouban as chaves das xaulas e van liberando a todos agás aos cocodrilos (que teñen fama de traizoeiros), o papagaio engana ao vixiante contestándolle que todo está en calma cando o nota sorprendido. A avoa e o neto que agardan a que abra o zoo asústanse e perden a voz cando ven ao gorila montado no elefante marchando. Alá van, sen barritar, sen ruxir, sen cantar e sen ouvear. Cando os vixiantes se dan conta, aquilo máis que un zoo semella un deserto e aínda que os cocodrilos queren contar como foi, ninguén os escoita. Será o papagaio quen remate o conto cantando e o elefante quen lle poña o fin.
Unha banda deseñada para as crianzas ás que lles gustan os animais e van aos zoos para poder atopar aqueles aos que só aí poden acceder.

Ningún comentario:
Publicar un comentario