mércores, 4 de febreiro de 2026

Os libros das Letras. Begoña ou o pracer da amizade.

Un dos libros que aparecen ao redor da escritora á que se lle dedica o Día Das Letras Galegas é Begoña ou o pracer da amizade de Beatriz Maceda.

Preséntase así: "Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada nas Letras Galegas de 2026, foi unha muller excepcional que fixo da palabra un acto de rebeldía e sororidade. Nesta biografía novelada, catro voces míticas -Circe, Penélope, Morgana e Xenebra- reúnense para narrar a vida desta autora fundamental, desde a súa infancia en Vigo ata o seu papel clave na cultura galega contemporánea. Xornalista, activista e escritora, Begoña Caamaño loitou pola igualdade, a dignidade e a liberdade nunha Galicia en transformación, tecendo redes de amizade e compromiso. Un relato apaixonante que nos convida a descubrir a forza da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres que, como Begoña, lles devolveron a voz ás esquecidas."

Unha imaxe de Laura Romero a modo de colaxe e unha colección de fotografías familiares que percorren a biografía. Beatriz Maceda realiza un xogo simbólico que leva a historia máis alá, que entrelaza voces de personaxes mitolóxicos para narrar unha vida que literariamente transcribiu as biografías desas mulleres que viñan da Odisea ou a materia de Bretaña. Distribúe a narrativa da vida de Begoña entre elas catro, mulleres que debían ser inimigas pero rematan axudándose a través do diálogo. Penélope, a muller que tece e destece o sudario do seu sogro, Laertes, mentres agardaba a volta de Ulises narrará a súa infancia, un tempo de imaxinación desbordante e lecturas, de barrio vigués. de xogos e escola, de profesoras que deixan pegada e coas que se reencontrará moitos anos despois para traballar xuntas en empresas ideolóxicas e pensamentos literarios. Morgana, a sabia que habitaba nas marxes do poder en Ávalon, a irmá de Artur, a condenada polos bocas e o poder, será a encargada de narrar o seu tempo na radio, no xornalismo, a profesión amada e comprometida na que se implicou a favor da verdade e a defensa das causas nobles. Xenebra, a esposa de Artur, acompañante de Merlín nas selvas de Galicia, a que a través da conversa con Morgana poderá entender o seu pasado e bordar a súa historia en lugar da de outros; ela será quen fale da Begoña activista na loita polos valores democráticos, cívicos e de identidade; a súa participación en loitas e publicacións, os seus estudos e manifestos, nas declaracións e intervencións. Circe, a deusa de Eea onde crea unha comunidade de mulleres libres vai narrar o seu papel no feminismo; ela falaranos da rede que crea de amizades e colectivos, a procura da igualdade e a sororidade. 

Anécdotas, complicidades, gustos musicais, participación en proxectos culturais ou reclamacións... un percorrido cos afectos e a revisión dos mitos femininos como camiño. O libro dunha muller sobre outra, no que se fai acompañar das personaxes que habitaron as novelas de Begoña Caamaño. Unha obra con capítulos que levan títulos nos que a palabra pracer se fai presente para falar da infancia, dun encontro, do combate na palabra, da alegría e da amizade. Alegría e pracer para homenaxear á muller feminista e loitadora que marcou camiños que hoxe debemos transitar na busca da veracidade nos medios de comunicación, do compromiso na loita social e na revisión dos mitos dende o punto de vista da igualdade. Traballo temos, sen dúbida! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario