Amosando publicacións coa etiqueta Óscar Losada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Óscar Losada. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de febreiro de 2026

Unha banda deseñada que nos trae a historia de Margot Sponer

Margot Sponer lingüista alemá, autora da tese de doutoramento Altgalizische Urkunden. Documentos Antiguos de Galicia, foi unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Aquí cóntase a súa historia con guión de Óscar Losada e ilustración de Alba Ceide. Unha realización especial para contar a historia desta investigadora que viaxa por Galicia e remata desaparecida despois de ser detida polas SS.

Houbo mulleres a principios do século pasado que viaxaron por Galicia para coñecer o país (como Ruth Matilda Anderson) e a súa fala (como Margot Sponer). O país e as súas manifestacións culturais resultoulles interesante a estudosas de fóra que deixaron o seu testemuño en imaxes e textos.

Anteriormente, publicouse o ensaio de Laiovento sobre esta filóloga, realizado por Antón Figueroa que recolle a importancia do seu traballo "Con esta súa tese e como membro do Romanisches Seminar da Universidade de Berlín, Margot Sponer apoiou a homologación da lingua galega como obxecto da ciencia filolóxica europea e contribuíu á internacionalización da nosa cultura como tradición de dignidade dende a Idade Media." A obra "trataba de mostrar  a súa forza como persoa, como investigadora e como muller e de reivindicar para a tradición galega a súa memoria2.

Neste caso, en A tese de Margot, cóntase a biografía de Margot Sponer que realiza a primeira tese de doutoramento sobre o galego. Unha autoedición, que se presenta así. 

"Argumento:

En 1926, a filóloga alemá Margot Sponer viaxa a Galicia para investigar a lingua galega, mergullándose na cultura local e coñecendo as súas xentes. A súa tese de doutoramento fai dela unha pioneira na historia do noso idioma.

Neste cómic acompañamos a Margot nas súas andainas por Galicia, onde forxa amizade con figuras da Xeración Nós, e coñeceremos os posteriores acontecementos vividos no seu país coa presenza constante do nazismo, que empregou os Xogos Olímpicos de Berlín 1936 como un lugar de propaganda do réxime.

A vida de Margot, que deu clases na universidade de Berlín, é unha historia inspiradora que reivindica o labor profesional e valentía dunha muller afouta."

Dá tristeza pensar que unha obra, dirixida á infancia, para que coñezan a vida desta muller e o seu traballo de apoio á nosa lingua, deba ser autoeditada... 

sábado, 23 de marzo de 2024

De futbol e mulleres

Cando o fútbol de mulleres deu acadado a primeira plana dos xornais e a primeira nova dos telexornais, cando se demostrou que o mundo do deporte é discriminatorio, tal como sabiamos (o profesorado interesado na igualdade levaba estudando este ámbito dende os anos oitenta polo menos, Agustín Fernández Paz introducira este problema no libro de relatos Rapazas...) ou imaxinabamos claramente, pois os homes máis reacios á igualdade tiñan eses intereses de deporte e copas, bar e fútbol eran conexións ben perigosas para o mundo das mulleres.

Hai un tempiño apareceu en Fóra de xogo A pioneira de Héctor Pena. Presentábase así: "De Ester din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que dita a sociedade. Talvez é moito pedir para A Coruña de hai cen anos. Loitar contra todo e contra todos para facer realidade os seus soños é a súa razón de ser. Pero a Guerra Civil e a represión do fascismo poden ser un muro demasiado duro que superar. Ou non. Porque a "roja acérrima" que vían as autoridades convértese nunha pioneira e un exemplo para as mulleres de alto risco. Empacadoras, atadoras, pescantinas e proletarias da industria pesqueira que se botaron ás rúas para opoñerse ao novo Réxime do 18 de xullo. Un camiño de sororidade tecido a través dunha rede de protección fronte aos bechos, o frío, a fame e os inimigos da liberdade. E co balón nas cabeza, nos pés e nas mans da gardamallas." Agora aparece en banda deseñada A porteira de Xulia Pisón e Óscar Losada, da man da Universidade da Coruña co patrocinio da Xunta, o concello e Gadis. Preséntase así: "O de Irene González é un caso único no mundo. Na década dos vinte dioséculo pasado foi a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol, ao se converter na porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome: o Irene F.C. Esta é a historia dunha nena que levou a súa paixón máis alá dos límites establecidos para as mulleres da época e fixo realidade o seu soño." 
Un cómic ben claro no que se mostra un momento histórico, a historia dunha nena que cumpre os seus soños e morre por eles, un xornalista deportivo e unha autora de bd contándonos unha desas historias que non se deberían esquecer...