Amosando publicacións coa etiqueta Relato breve. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relato breve. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de maio de 2024

De Pepablo Patinho e Dani Padrón

De Pepablo Patinho e Dani Padrón é o libro Receitas para cociñar o ar, publicado por Embora.

Así se presenta: "A miña avoa tamén era unha meiga. Ela lía moitísimo máis ca min. Tiña libros por toda a casa; andeis, caixóns, arquetas...; habíaos baixo da cama e incluso na cociña! Alí tiña libros nun
alzadeiro cheos de feixes de herbas que recendían a marabilla. E foi alí onde, precisamente, lin o primeiro libro que me transformou: Receitas para cociñar o ar." Un feixe de relatos que teñen como decorado de fondo a natureza, unha mirada distinta na que as meigas nos acompañan da forma máis natural, onde a referencia aos libros de fadas producen risa pero non así aos de aventuras como A illa do tesouro ou Moby Dick, onde a aprendizaxe nos sae ao encontro porque non é o mesmo a necesidade de auga e a sede; porque os camiños están vivos, teñen séculos, son compartidos con outros seres -e outros tempos- e deben nacer naturalmente; porque cando encontras ecoloxistas descobres que somos parte da vida que nos rodea e sabemos que esa vida é tamén a nosa, porque o mellor alimento é o ar; tamén descubrimos a diferenza entre unha mestra e unha boa mestra, o valor das historias que nos contamos, a razón polas que as fragas non teñen portas e as árbores teñen pastores...

Coñeciamos este autor a través do teatro:  ...3, 2, 1..., Nana para un soldado, a poesía de Lúa ou O saltón astronauta.

martes, 27 de abril de 2021

Un novo libro de Carlos López

 

Carlos López é moitas veces parella artística de Pinto, en Pinto&Chinto, como sucede nas obras: Suca, Contos para nenos que dormen deseguida, Minimalario, Nicomedes o Pelado, As estrambóticas aventuras do barón de Münchaussen, A estrambótica illa do tesouro, O estrambótico Principiño, Os oficios de Rus, Os xogos olímpicos de Ningures, As estrambóticas viaxes de Gulliver, A maceira que daba calquera cousa menos mazás, O pequeno da familia fantasma,...

Agora non, agora, preséntanos Bichería ilustrador por Xan López Domínguez, no estilo característico deste ilustrador pero levando un pouco máis ao extremo esa estilización das figuras ata obrigar a facer un esforzo para recoñecelas. Un estilo que se vai depurando, adoptando o mínimo de cores e unha síntese de elementos e liñas en evolución constante. Os textos son breves, moi breves e concisos, nos que se lle dá unha volta  máis ao mundo animal collendo as súas características e xogando con elas, levando o relato ao absurdo... O certo é que ningunha nena ou ningún neno se vai aburrir lendo estas pequenas historias e recuperando aos seus protagonistas, porque como ben se di na presentación editorial son pequenos en palabras pero grandes en humor e tenrura e esta é unha aventura BESTIAL.