domingo, 28 de abril de 2024

As Sentinelas do Silencio (e outras obras) de Beatriz Maceda

As Sentinelas do Silencio de Beatriz Maceda, ilustrado por Laura Veleiro está publicado por Xerais na colección Merlín.

Así se presenta: "Iria ten que deixar a cidade onde vive, as súas amigas, o colexio, a praia das tardes do verán... para mudarse cos seus pais ao campo, a un lugar chamado Malvela. Alí a súa vida semella perder todo o sentido. Mais, pouco a pouco, irá coñecendo unha comunidade de persoas especiais que, dotadas de cadanseu don, van ensinarlle outra maneira de estar no mundo, moito máis consciente. Todas elas teñen en común unha curiosa característica: calzan un zapato de distinta cor en cada pé. Iria descubrirá que ese distintivo é o que identifica os membros dunha sociedade creada en Malvela: «As sentinelas do silencio».
Unha emotiva novela ecoloxista; un canto á natureza e á defensa do medio rural."

O paso do mundo urbano ao rural, a retirada para que os pais lle dean unha nova oportunidade á relación, o encontro cun mundo idílico no que a solidariedade, o respecto polos demais, o ecoloxismo, o respecto polas artes e as diferentes maneiras de ser, a mirada sobre a diversidade funcional e a diversidade sexual ou familiar, a descuberta da natureza como o ser dos seres... todo iso ben envolto nunha narración que nos vai levando silenciosamente, tal como funciona a vida en Malvela, tal como len os pais de Iria (editor e crítica) e tal como viven  os veciños que viñeron de París. Unha mirada ás sufraxistas e os seus procedementos de loita, unha sociedade organizada autoxestionada no rural, unha loita para a defensa da natureza e contra todo o que a ataque.  

Continúa a súa autora pola deriva que encetou en Lúa en Ningures e Ardora, un camiño de bo facer que a rapazada lle agradece. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario