No ano 2006 resultara finalista do II Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil Carlos Labraña por Os sons da buguina.
Agora, no 2022, Ánxela Gracián recibe o X Premio Meiga Moira por Donas de nós, unha obra de teatro que publica Baía nesta colección, na que se ve acompañada pola finalista citada, Tres mulleres do seu tempo de Heidi Kühn - Bode e Valentino Rufini e Akil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) de Roberto Salgueiro.
Donas de nós. Traxicomedia en tres actos e un happy end para un conto de fadas é unha historia que reolle a tradición do ciclo de Bretaña (os personaxes de Morgana e Merlín), algúns do camiño de Santiago e o medievo (Mendiña, Criado, Camarlengo), un saído directamente dos contos de fadas (Príncipe azul) e outros que recollen a idiosincrasia dos países e os seus reinos (Reis do Norte e Reis Provenzais). Estes últimos son, para o meu gusto, un dos acertos da obra, esas diferenzas culturais e xeitos de actuar duns e outros que producen comicidade. O título avanza a historia, o valor das mulleres e a necesidade dun cambio que deixe atrás os estereotipos tradicionais, a pasividade, rachando co que se agarda delas, cos valores que semellaban eternos. Unha xograresa decide non ser princesa, non casar co príncipe azul que daquela debe facelo con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa medieval. Van ter que facelo entre eles agora que as clases populares aeron na conta de que non vale a pena andar nesas liadas... pena que non caian noutros acertos que poderían cambiar a vida social, máis alá da persoal.
O xurado valorou na obra:
A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o mago Merlín, a fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista.
Nós, valoramos, tamén e moito, a decisión da autora de adoptar o texto teatral, por primeira vez nas súas obras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario