Palabras de pedra é o libro ganador do "Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión".
O premio de novela Fundación María José Jove (FMJJ) Infancia e Mocidade pola Inclusión é unha iniciativa de carácter bienal da FMJJ e de Hércules de Edicións que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que ten como obxectivos promover o fomento e a creación de obras literarias que aborden o tema da infancia e da mocidade en risco de exclusión social e que favorezan o coñecemento sobre este tema, nomeadamente entre a xente nova.
Así se presenta: "Palabras de pedra é a historia dunha decisión. O protagonista, un home con autismo de alto rendemento, decide realizar unha viaxe acompañado do seu fillo Guille —moito máis afectado—, o que suporá para el ter que tomar decisións en solitario, renunciando á seguridade de todos aqueles que sempre estiveran pendentes del (pais, irmáns, nai do neno e exmuller). A odisea que nos propón Palabras de pedra non é a viaxe en si, senón todas as vicisitudes que o personaxe principal debe sortear ata que chega o momento mesmo de atoparse fronte a ese mar (océano Atlántico) co seu fillo.
O relato está narrado en primeira persoa, o que obriga o lector a mirar tanto o contorno coma o resto de personaxes a través da pupila dun home con autismo, con todo o que iso supón: literalidade na linguaxe, problemas de socialización ou nivel baixo de empatía. Ao mesmo tempo, invítao a entender que o mundo pode ser visto e vivido doutras maneiras igualmente enriquecedoras.
Palabras de pedra pretende visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e das súas familias, nun mundo que non está deseñado para elas e ao cal deben adaptarse, ás veces dende a soidade máis absoluta e a pesar da incomprensión e mesmo do rexeitamento.
Trátase dunha novela acerca do autocoñecemento, da asunción das propias limitacións e de como é posible aceptar o risco que supón atreverse, a pesar delas, a soñar".
Unha boa novela, da que aprenderemos todo tipo de lectorado. A tradución é de María Fe Gonzñadez Fernández e aparece publicada dentro da colección sen fronteiras. A ilustración da cuberta de Marcos Viso. O seu autor Ginés Cruz. Cruz xa publicou anteriormente Rosas negras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario