Un novo libro de El Hematocrítico: Dona Problemas traducido por Anaír Rodríguez está publicado en Sopa de Libros de Xerais.
Dona Problemas non se chama así porque os teña senón porque os resolve. Ela está na escola do narrador, Xoán, que vén sendo o axudante da nena protagonista. Ela é tan importante como a directora, o conserxe ou o administrador, conta el... eu diría que moito máis, sobre todo despois de resolver o problema de acoso do que semella non darse conta ninguén.
Que problemas? Pois, por exemplo os que se contan na presentación editorial: "unha mochila estragada por un iogur que se derramou dentro, un cromo que non se dá conseguido ou un veciño que escoita a tele a todo volume e non deixa durmir. Non hai nada que se resista aos recursos e ao enxeño de Carlota e do seu axudante Xoán. Ou si? Porque sempre hai problemas máis difíciles de solucionar ca outros..." Non o creades, Carlota soluciónaos TODOS!
Incluso pode substituír ao axudante para que el pase a formar parte dun grupo de baile que resolverá certas dificultades de comportamento e... non quedará aí a cousa. Semella que con ela poderiamos mellorar a convivencia nos centros, porque descubre cal é o problema de cada un e como os demais poden solucionalo. Ben é certo que non pide solidariedade gratuíta e protagonismo activo por parte dos outros compañeiros (como na cadea de favores) debe ser porque é moi consciente de como somos e nos comportamos, pero ese amaño co rapaz abusón, esa petición de perdón e esa creación de grupo cun obxectivo trae esperanza. Dende o realismo de cada día ata o idealismo dunha personiña dedicada aos demais, que garda os seus misterios e que semella un anxo sen ás.
As ilustracións de Paco Roca con esa personalización de cada personaxe non nos van defraudar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario