Sempre nos levamos unha alegría cando un libro se converte en serie e polo tanto vai fidelizando ao lectorado. Sucede agora con Lobo Ramón que aparece co subtítulo: a vida é unha festa!
Continúa a historia dese lobo amigo que viaxa en motocicleta á vila para visitar ao fillo do libreiro e ler novas historias. Dese lobo que, de paso que vai... fai recados para as amizades e cando lle din de pagarlle négase en redondo, considera que, aos amigos, non se lles pode cobrar. De feito, entre todos van ter que inventar un negocio para que Ramón non se arruíne con tanto gasto en carburante. Vai ser repartidor de empanadas de bacalao con pasas.
Ramón viaxa á praia co paxariño Fito, este voando vaille marcando o camiño que el segue en moto. Mirando a unha nena emociónase: é tan bonito xogar coas olas... Mirar a posta de sol, colocarse manguitos para flotar na auga. Facerlle un agasallo á lúa: unha empanada, pero que difícil facerlla chegar. Ir á festa, gozar de cada lambetada que merca, de ir na noria ou xogar na cama elástica; rescatar ao corvo Lucas cando cae nun pozo. Con el aprenderemos para que serven as pompas de xabón, sobre todo se son xigantescas. E así enterámonos que, con este libro, a autora suma medio cento de obras publicadas. Un bo número! E un verdadeiro luxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario