Un novo título da colección Fora de Xogo enfronta un problema que semella non ter solución: Bulllying de Álex Alonso.
Esta novela acadou o XVII Premio de Narración Curta Ánxel Fole. Preséntase así: "Mergullándose en temas que centran o universo adolescente, como as redes sociais, a homosexualidade e, sobre todo, o acoso escolar (...). A mellor reflexión sobre a novela está nas palabras iniciais do seu protagonista: «Cada vez que entro ao instituto penso no inferno, e, sinceramente, preferiría mellor estar aí embaixo, no subterráneo, ardendo nas chamas. Mamá di que o inferno existe e que o ceo tamén. O do ceo está ben claro que existe porque levanto a vista e velaí o está, pero o inferno, de o haber, non creo que sexa tan terrible coma este onde estou».
Diferentes voces van dando a súa versión dos feitos, como se estiveran ante o xuzgado, a policía, o lectora/a que pregunta: a de Antón (o protagonista), Nai, Pai, O monstro, Venres, Compañeiro na instituto da Coruña, Tía Marga, Director do instituto da Coruña, Anxo, Xiana, Psicóloga, Outro compañeiro do instituto da Coruña, Un terceiro compañeiro do instituto da Coruña, Alicia, Un profesor, Pai de Xiana, Jenni... É dicir, unha pléiade de personaxes que estaban aí e non fixeron nada, simularon que non se enteiraban, viron e non quixeron actuar... Só Monstro o acolleu para levalo con el. Os acosadores: o gran acosador, os seus secuaces, os que apoiaban de lonxe, os pasivos que miraron indiferentes, os que quixeron actuar pero non o fixeron... E cada día ha de estar sucedendo. Esa é a mensaxe. E todos se salvan, ninguén carga coa responsabilidade dunha situación tan atroz, coa transformación do mundo nun inferno. Unha obra para recapacitar, discutir ata o berro e... ACTUAR!!! Xa está ben de tanto ir ao de cada un, de abandonar funcións, de non atender a parte humana e educativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario