Miguel Vázquez Freire é filósofo, pero no só, tamén escritor de ficción, tamén crítico literario e de arte, tamén innovador educativo, tamén home de teatro... Neste caso, baseándose nun programa de radio que levou a cabo no seu Corcubión natal ao longo da pandemia, divulgando filosofía, saca a luz este libro que se sitúa na colección Seica de Xerais.
O moucho voa preséntase así: "Un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía. Está constituído por 25 conversas, amenas e desenfadadas, organizadas nos catro temas principais dos que se ocupa a filosofía tradicionalmente: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, obxecto da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, obxecto da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, obxecto da filosofía política. A filosofía ocúpase dos asuntos que nos preocupan a todas as persoas e proporciónanos instrumentos para pensar con maior rigor, para facer das nosas vidas unhas vidas plenas. Porque as grandes ideas filosóficas tamén interesan ao común da xente. Porque calquera persoa, espontaneamente, ten preocupacións relacionadas coa filosofía".
Non hai mellor maneira de falar del... As conversas simuladas cun par de persoas: unha moza e un xubilado achegan a inxenuidade das preguntas ás que o filósofo ha de dar resposta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario