O outro álbum de Kalandraka é Terra de ninguén "porque estes lugares son os que lles quedan para ocupar aos excluídos, aos máis desfavorecidos da nosa sociedade". Falamos dun lugar, dun dos poboados das Comunidade de Madrid onde aínda permanecen activos focos de marxinación porque a situación non está resolta. Aí, na Cañada Real, o asentamento chabolista máis grande de Europa, onde chegaron a vivir ata trescentos cativos e as súas familias en condicións insalubres, sen electricidade... Diso vai a historia, porque, seguen a contarnos que un terzo da poboación urbana mundial vive na periferia das cidades en chabolas, favelas ou slums. Así se presenta: "álbum impactante,emocionante e imprescindible que mostra
a pequenos e maiores unha realidade próxima, pero a miúdo invisible. Un
relato valente, contado dende a mirada infantil, que revela que a
dignidade, o amor e a esperanza tamén habitan nas circunstancias máis
difíciles." Diso sabe moito a rapazada, esas crianzas que aparecen nas ilustracións de Federico Delicado: a nena co irmán pequeno no colo, o que só leva un pantalón curto, a nena da camiseta amarela, o que viste un chandal e que semella ter a voz... e o galgo esquelético que os acompaña. Viven coma nun circo, camiñando sobre cristais, esquivando as xeringuillas, facendo acrobacias, correndo riscos que non deberían corresponderlles, vivindo entre a necesidade e a ilegalidade. Unha "bombilla" rachada é a imaxe alegórica desa terra de ninguén a onde chega o frío que o lume non quita, un coello saíndo da chistera que nos fala do Gran Truco (dese soño de adulto que cre nas ganancias doadas), pero eles, os nenos e as nenas, aínda nas circunstancias máis adversas fan teatro, xogan e rin. Sobreviven e teñen conta da alegría.
O texto é da xornalista e escritora Maria José Floriano e a tradución de Manuela Rodríguez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario