O caderno de Roque de Carlos Taboada resultou finalista do premio Merlín. Aparece publicado con ilustracións do mesmo autor na colección Merlín de Xerais.
Da presentación editorial: "Unha orixinal novela de viaxes, aventuras e fantasía, rica en detalles e desbordante de imaxinación e humor. Finalista do XXXIX Premio Merlín 2024" E da sinpse tal como recolle a páxina: "A familia Charabiscas da aldea de Pedrafermosa agarda con impaciencia a chegada do tío Roque, que marchou a percorrer o mundo e que lles prometeu volver para celebrar unha festa polo seu trinta aniversario. Cando chega o día sinalado, a familia recibe na caixa do correo o caderno de viaxe do tío e, ao longo da xornada, non para de soar o timbre da casa. Será Roque? Non! Unha sucesión de personaxes fantásticos (un xigante, unha serea, un vampiro...), cada cal máis peculiar, vai aparecendo por sorpresa, convidados á festa de aniversario. E o tío Roque onde está? Unha orixinal novela de viaxes, aventuras e fantasía, rica en detalles e desbordante de imaxinación e humor."
Unha escrita na que se combina a narración en terceira persoa da historia coas cartas que Roque escribe á familia e o caderno de viaxe falando dos diferentes lugares polos que pasa, os personaxes que coñece e as aventuras que neles lle suceden. A familia vive en Pedrafermosa, un sitio marabilloso que tentan agachar do mundo exterior para seguir mantendo de forma natural. Egoísmo? pode que si pero hai que protexer os tesouros da rapiña dese empeño en viaxar de toda a poboación dun planeta disposta a pasar, fotografar e destruír moitas veces. Esta vez vailles resultar difícil seguir ocultando o paraíso no que viven pois uns detrás doutros van aparecendo por Pedrafurado personaxes de todo o mundo e algún deles seguro que se namora e queda e outris contarán o vivido... e veremos en que dá a cousa. Nesa festa de aniversario atoparanse mulleres que sendo familia se descoñecñían pero que continúan sendo case iguais e facendo cousas semellantes como pilotar avionetas e aterrar en Pedrafermosa dun xeito accidentado: a nai de Roque é tía e inspiración de Papoula Parasol que continuou a súa vocación. Unha xuntanza de personaxes extraordinarios como Maruxaina, Galatea coas súas alerxias, ameiga Eira que axuda coa preparación da comida e os servizos a modo de deusa de mil brazos, trasnos, o violinista Dimitri... A última folla do caderno m´ostra un pequeno misterio: Exeria de Papaventos atopara o caderno de Roque e foi ela quen o enviou por correo. O protagonista, quere coñecela e viaxa ao seu encontro, de aí virá a última postal para a casa dos Chisgarabís e unha nova moi interesante, adivíñase?
O carácter de cada un deles (dende os avós aos netos que adoran ao tío) os agasallos que trae Roque pero sobre todo o relato dos lugares que van dende Pericia a Kiboko, de Falaomar a Caldoamerenda, de Abafar á fervenza Pimpante, de Ondeoairedavolta á illa Morna, de Zaragallada á cova da Boca, de Falacia á cidade flotante, dos xardíns de Medradeira ao monumento á Poalla, do tesouro de Chanza Negra a Esmendrelle, Botaporfora, Andarica, Cavapha, da biblioteca do Farallón a Noitepechada e moitos outros.
Leamos un fragmento: "Daquela festa habíase falar durante décadas. Os convidados estableceron ligazón e moitos deles quedaron algúns días máis para coñecer a vila e hospedáronse en casas veciñas aos Chasgarabís. Ficaron vencellados á cidade para sempre, mandándose cartas, irmandando as súas urbes e visitándose con frecuencia. Cada un ao seu ritmo e ao seu xeito, volveron percorrer o camiño de volta aos seus fogares, pero xa tiñan unha nova saudade no peito e un estraño desexo de volver algún día. Ademais, o avó Gregorio compartía esa saudade dos que quedan e prometeuse ir visitalos nalgunha ocasión."

Ningún comentario:
Publicar un comentario