venres, 25 de setembro de 2026

Un libro para lectorado autónomo de Xerais e un xuvenil de Toxosoutos


Pantasmadas, escrito e ilustrado por Andrea García Martínez está publicado na colección Merlín de Xerais dirixida a rapazada a partir de nove anos. 

Da presentación editorial: Finalista do Premio Merlín 2025. "O avó Seronio é o último veciño de Treboeiro, un lugar envolto en néboas, vellas historias e habitantes moi pouco comúns... Cando a súa filla chega disposta a levalo con ela e a súa familia á cidade, Seronio terá que demostrar que, aínda que non saiba nin fritir un ovo, non está tan só como pensan. Conseguirá Seronio quedar no seu fogar? Poderase salvar Treboeiro do esquecemento? Unha aventura fantasmal chea de diversión e sorpresas sobre os vínculos que nos atan aos lugares e ás persoas que amamos." 

Unha aldea na que só queda un vello. A filla que vén da vila para levalo e todo o que se monta para evitalo. Porque existen as pantasmas, porque viven nas casas nas que os recollen porque foron a súa residencia noutros tempos, porque cada unha delas segue coas súas manías e intereses (a avoa que calceta, o que foi deseñador de moda e pode continuar facendo o seu traballo, a cociñeira, o inventor...) porque é necesario que algún manteña a aldea viva aínda que dubidemos da súa natureza ou teña que utilizar como carteiro a un xabarín... Atoparemos cochinadiñas desas que tanto gustan á rapazada, misterio, desconcerto... e gustaranos ler esa historias que semella sen pés nin cabeza pero si con seres de carne e outros de aire. Dous mundos que se tocan na aldea de Treboleiro á que custa traballo chegar: "implica unha viaxe de aproximadamente vinte e tres días, que se podían reducir a quince se ías en coche polos camiños axeitados. Debías atravesar o Monte da Rata Peluda e, se saías enteiro (cuestión pouco probable se eras descoñecedor do lugar), non ías tardar en atopar a Árbora da Indecisión.) e así continúa ese camiño imposible.

A novela xuvenil Eu, monstro de Guadalupe Vázquez Formoso está publicada por Toxosoutos na colección Nume de Narrativa xuvenil. 

Unha adolescente que coas características sexuais de muller pero que se sente home cóntanos a súa historia. Esa loita constante entre o que ve, o que sente e o que desexa. A relación coa familia cun pai que traballa, unha nai que escribe un diario e poesía nos que conta as relacións con outros homes, unha amiga que é o sustento afectivo, a psicóloga que atende a súa problemática pero coa que non sempre pode falar sinceramente... o instituto e o seu director. Aí, nesa parte final aparece a aventura para que a novela vaia máis alá, entrando no xénero negro con pantasma incluída que reivindica o castigo ó seu asasinato. Un director cun pasado oculto e un presente con medias tintas. Unha celebración e como en  Carrie a descuberta do horror. E, un anexo final coas poesías da nai que non se entende o que achegan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario