Amosando publicacións coa etiqueta A partir de 10 anos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A partir de 10 anos. Amosar todas as publicacións

sábado, 5 de setembro de 2026

Premio do II Certame Jaime Olmedo Limeses

Alén e o dragón de Olaia Sendón resultou ganadora do II Certame Jaime Olmedo Limeses.

Da presentación editorial: "Alén nunca imaxinou que a súa vida en Sardiruña agochase nada extraordinario. Pero todo cambia cando un dragón comeza a aparecer nos seus soños e esperta preguntas ás que nin a súa nai, Emma, nin o seu irmán Xoel parecen poder responder. Só Mamamucha, unha enigmática anciá, semella saber máis do que conta. Porque, ás veces, os segredos dunha familia non desaparecen. Simplemente agardan o momento axeitado para regresar."

Dous irmáns, un pai músico que anda en concerto en concerto (e polo tanto desaparecido), unha nai que exerce de traballadora social e aguanta como pode dos adolescentes e a súa fame infinita. Un traballo escolar sobre a familia levará ao pequeno a investigar no faiado, no álbum de fotos e na aldea na que viviu a nai algúns anos. 

A historia, contada en terceira persoa, xira ao redor do menor dos irmáns que comeza a sentir rarezas como visións ou capacidades que se desenvolven a moita velocidade. Unha amiga (a rapaza lista e aventureira que está aparecendo ao lado de moitos protagonistas rapaces neste tempo) que o acompaña máis alá de onde el quere ir e acaba amaestrando galiñas.  Alén semella ir para superheroe e nese camiño ten a Emma disposta a non perder a oportunidade de asistir á transformación. A bisavoa (de máis de cen anos e disposta a todo) vaino entrenar pero o que el quere é entender que é o que lle pasa.  

As preguntas andan polo aire: que teñen de especial os da familia Migallas?, que lle pasa á bisavoa para conservarse así de ben?, por que a nai non quere saber nada da Mamamucha?, de onde saca esta tantos cartos?, como poden transformarse outros animais en dragóns?, por que hai dúas clases de dragóns?, cal é a diferenza entre uns e outros?, que ten en común a nai coa amiga á que chaman tía?, por que non se nos conta case nada dos avós dos rapaces?, por que chove tanto no lugar onde viven?... 

As ilustracións de Víctor Rivas móstrannos uns personaxes, tan ben caracterizados, que nos parece velos pola rúa. 

venres, 10 de xullo de 2026

VIII Premio Carlos Mosteiro


Nenapingüín de Daniel Landesa obtivo o VIII Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil. Aparece agora, publicado por Galaxia, na colección Árbore coas ilustracións de Miki Momochi nas que destaca o atrevido das tomas, eses planos tan de detalle ou pouco acostumados. Formando parte do deseño e paratextos os listados de Nenapingüín, do que lle gusta e o que non lle gusta ou os avisos de seu pai. 

Da nai non se fala, seguramente morreu e por iso non aparece, a que si o fai é a moza do pai. Todo tan natural que dá moito gusto velo, sen ter que dar explicacións.

Así a presentan: "Imaxinas subir a unha árbore e que o todo cambie para sempre? Ata o teu nome?Aínda que xa era unha cativa impresionante, o día que comezou a chamarse Nenapingüín a súa vida cambiou para sempre dun modo que nunca puido chegar a imaxinar." Si, o cambio foi rotundo, é o que teñen os accidentes, que hai un antes e un despois, un instante que che cambia a vida, polo menos durante un tempo. Iso lle pasou a esta nena sempre disposta a unha aventura sexa nos libros ou na realidade, amiga dos seus amigos por iso lle molesta que estes cambien como lle pasou a Caradeleituga que agora non a trata como facía antes. Despois do accidente, hai moito tempo de hospital e alí coñece a unha médica estupenda, a uns celadores que fan carreiras polos corredores, pero sobre todo fíxose amiga de Nenobólido, de Bolabillar e Nenatransparente. Tres personaxes moi interesantes, tanto que tamén a nós nos gustaría coñecelos algo máis. 

Unha historia moi ben contada, un ton exquisito e uns valores a reivindicar (o gusto pola lectura, o respecto pola diversidade, a asunción dos problemas con toda a tranquilidade posible, a amabilidade e bo trato, a relación coa avoa...). Tal vez o capítulo do mago e todo o que o envolve faga caer un pouco a historia ao resolvela dun xeito "case máxico" mentres outros asuntos como as fotografías con máscara de pingüín ou a nena que desaparece na súa transparencia nos resultan marabillosas metáforas xa que se solucionan de maneira fantástica pero crible. A mestura de realidade e fantasía é algo ben difícil de arranxar na que ás veces nos vemos levados pola premura. 

Creo que Landesa lle dou vida a unha rapaza que nos gusta moito e que igual pode seguir acompañándonos con esa resiliencia e capacidade de enfrontar os problemas da maneira menos difícil para os demais, de asumir as consecuencias dos seus actos (algo ben difícil, incluso para as persoas adultas), de avanzar ante as dificultades pensando tamén nos demais...

domingo, 14 de setembro de 2025

Teatro: A letra das pequenas cousas

 

A letra das pequenas cousas de José Luís Baños de Cos está ilustrado por Ana Tasende con colaxes que acaen moi ben ao tema das telas, a costura, a roupa... pero tamén con marcas de lapis e cor que traducen a imaxes a tenrura que acompaña ao texto, o coidado da infancia, a preocupación por esa rapazada que non sempre ten o que precisa e se ve obrigada a traballar antes de tempo.  Un dos logros da historia tamén é esa mirada a La vida es bella, ese xeito de contar a traballo na fábrica como se fose un xogo. 

Así se presenta:  "Premio de Textos Teatrais Infantil Morales Martínez 2024. Carlos entra nunha tenda de roupa dunha multinacional para mercar unha camiseta. Na etiqueta atopa unha misteriosa mensaxe cosida. Seguindo as súas puntadas, e coa axuda de Sofía, dependenta da tenda, descubrirá a vida de Salma, unha cativa que traballa nunha fábrica téxtil dun afastado país."

Explotación da infancia, terceiro e primeiro mundo, a produción e o consumo, produción excesiva de roupa, deslocalización de empresas... No medio o abandono do rural, as familias divididas, a rapazada tamén nas mans dos empresarios infames. Unha tenda enorme, un centro comercial, as mensaxes polo altavoz, a cortesía baleira de contido (tomastes en serio iso de "volva pronto"?, a satifacción do cliente) e un comprador que atopa a mensaxe dunha nena que cose escribindo nas camisetas coma se fosen o seu diario. Esta historia lévame a Lía e as zapatillas de deporte de María Reimóndez que trata este mesmo tema da explotación infantil e de como a produción e o consumo poden nun momento determinado "verse as caras" e tamén a aquela outra obra de teatro de Carlos Labraña, Ícaras, porque igual que alí, a dependenta que comeza no lado contrario defendendo o seu traballo e tentando reprimir (á nena ou ao comprador) remata colocándose do lado deles e fronte á opresión.  

A letra pequena das cousas garda os segredos, ás veces aqueles aos que non nos queremos enfrontar, por veces esas fiestras a outros mundos que están aí, ao lado, contemporáneos do noso. 

martes, 8 de xullo de 2025

Unha nova publicación de Zahorí en galego


Asilvestrarse. Volver ao salvaxe é a novidade de Zahorí en galego que acaba de publicarse. O seu autor, Cristian Moyano, é un investigador, especializado na exploración  da relación humana coa vida silvestre en contextos de crise ecolóxica. A ética ambiental, a xustiza ecolóxica e a saúde global, a interdependencia, o antropocentrismo e o ecocentrismo son conceptos que están presentes  nos traballos deste filósofo doutor en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental. As ilustracións son de Irene Cuesta e está publicado por Zahorí e CSIC na colección Mentes curiosas.

Con el revisamos os nosos saberes e aprendemos cousas. Define "asilvestrarse" como abrir os ollos á vida que te rodea e recordar o que eres e explica que somos natureza, porque dentro de nós hai un ecosistema natural (células, microorganismos) que os seres vivos vivimos grazas á luz do sol, o osíxeno e a choiva. Todos os seres vivos temos en común, polo menos a metade dos nosos xenes (quen se atreve a ir de egocéntrico?). Os xenes dos animais domesticados foron cambiando, o seu cerebro transformouse axustándose ao entorno e ao trato con humanos; na natureza salvaxe as poboacións das especies regúlanse pero a intervención humana altera ese equilibro. Os humanos e os animais domesticados reproducímonos moitísimo máis e a vida salvaxe pérdese, continuar así non é sostible por iso nos pide que nos asilvestremos reconciliándose coa nosa natureza. Unha serie de consellos dannos pautas para protexer a natureza e crear unha convivencia beneficiosa ao tempo; achéganos información sobre os cambios necesarios. Para finalizar, nunha páxina en branco pídesenos que busquemos un lugar con vida silvestres e aí, en silencio escribamos o que sentimos e o que atopamos.

As ilustracións de Irene Cuesta son o marabilloso vehículo polo que desfilan os textos, elas traen toda a información real e simbólica que nos fai adentrarnos nese mundo de contacto entre o silvestre e o domesticado, a humanidade e a vida salvaxe.

Da presentación editorial: "Se lles contas á túa familia e ás túas amizades que te vas asilvestrar, quizais se preocupen! Pero asilvestrarse non é vivir nas árbores nin unirse a unha manda de elefantes. Implica cambiar a nosa mirada e os nosos hábitos para permitir que a natureza salvaxe floreza de novo e faga as funcións que garanten a nosa vida e a dos organismos que nos rodean." 

Na páxina de Zahoría atopamos un enlace ao Club do Pequeno Activista cun manifesto e libros recomendados.